O primeiro filme galego de ficción estréase 73 anos despóis da súa rodaxe

VIGO

Unha copia restaurada vai ser proxectada mañán no auditorio do Centro Cultural Caixanova «La tragedia de Xirobio» foi gravada por José Signo Garcés no ano 1930 en Vigo

13 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

No ano 1930, o xornalista José Signo Garcés gravaba en Vigo La tragedia de Xirobio , a primeira largometraxe de ficción producida en Galicia. A súa estrea, prevista para o ano 1931, non chegou a materializarse. Mañán, setenta e tres anos despois, o filme poderá ser visto no auditorio do Centro Cultural Caixanova a partir das 20'30 horas. A película é unha adaptación libre da narración de Alfonso Daniel Castelao recollida no seu libro Cousas e foi promovida por Vicus Films, unha productora especializada en reportaxes cinematográficas. Baseada en «Cousas» Segundo o Diccionario do Cine en Galicia, « La tragedia de Xirobio non pode ocultar certo carácter artesanal na súa realización e producción, circunstancia que trouxo como consecuencia a súa inexistente saída comercial e a precariedade da metraxe conservada, de baixa calidade fotográfica e necesitada de axustes na montaxe». O filme baséase nunha das corenta e catro pequenas pezas que conforman o libro Cousas de Alfonso Daniel Castelao, concretamente a que comeza Xa van alá moitos anos , adaptada libremente por José Signo, que tamén se encargou de realiza-los intertítulos segundo afirman os créditos iniciais, os cales informan asemade de que o Xirobio está interpretado polo actor Julio Rúa, mentres que a ilustración musical correu a cargo de Ángel Teijeiro. A película foi gravada en 35 milímetros e os intertítulos están escritos en castelán. Ronda os 50 minutos de duración e foi interpretada por Julio Rúa, José Signo e actores da Agrupación Dramática Galega. A súa restauración data do pasado ano, a partir dos materiais recuperados da Filmoteca Española. Os traballos de restauración foron coordinados por Xosé Enrique Acuña, Alfonso del Amo e Alejandro Villodas.