Gaivotas e corvos emulando aos quebraósos dos Pirineos

| ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA |

VIGO

NATUREZA DE AQUÍ E DE ALÍ

21 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

AO LONGO da miña vida atopeime varias veces con feitos sorprendentes que delataban a notable intelixencia da que fai gala a gaivota patiamarela Larus cachinnans que habita ao longo das nosas costas, o que lle permite sobrevivir en hábitats cheos de risco nos que outras aves fracasarían. En Cangas, en data 5 de xaneiro de 2003, as gaivotas recollían mexillóns das rochas e os deixaban caer sobre a estrada que bordea a beiramar dende certa altura, para rompe-las cunchas contra o asfalto. Despois, baixaban axiña para comelos sen problema ningún. Non eran unha ou dúas as que practicaban este sistema tan práctico de abrir estes moluscos, pois había, polo menos unha ducia que estaban bombardeando a calzada con aqueles proxectís que deixaban, ao estoupar unha mancha húmida no chan. Cinco días despois na illa de Arousa o mesmo sistema era empregado por un corvo común Corvus corone que deixaba caer un mexillón sobre a estrada e baixaba ao chan para se facer con el. Tanto as gaivotas, como o corvo, lembraban, no seu proceder, aos xigantescos voitres barbados ou quebraósos Gypaetus barbatus das montañas pirenaicas e das serras de Cazorla, que conseguiron sobrevir durante milleiros de anos aproveitando un nicho ecolóxico imposible de explotar por outros animais moito máis fortes: a medula ósea ou cana, rica en elementos esenciais: fósforo, magnesio, etc. graxas e vitaminas que os grandes ósos en forma de tubo almacenan no seu interior e ao que nin os grandes carnívoros das sabanas africanas poden acadar coa súa formidable dentadura, debido a resistencia case férrea do material que o protexe e que os humanos utilizamos, sobre todo, para acompañar e dar substancia a caldos e sopas. Naquela ocasión, mentres procurabamos escapar como podiamos daquela chuvia, lembramos por un instante a mala sorte que na vida tivera Esquilo, o poeta creador da traxedia grega, que no ano 456 antes de Cristo, cando paseaba pola campiña siciliana, foi alcanzado na cabeza por unha tartaruga que dende o alto soltara un voitre barbado para lle rompe-la caparaza e poder acceder sen problemas á súa carne e vísceras, acabando de súpeto co alento e inspiración do pobre bardo, que acadara sona entre os seus paisanos pola creación dunha triloxía: Agamenón, As Coéforas e As Euménides, recollidas baixo o título xenérico da Orestiada.