A mostra protagonizada por xóvenes creadores preséntase hoxe A serie de exposicións conta como novidade cunha participativa páxina web
16 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A serie de exposición englobadas baixo o título de Malas Artes , a quinta dun proxecto conxunto que estase a desenvolver pola Concellería de Cultura na Sala dos Peiraos, inaugura hoxe un novo capítulo co nome de Arquitrabes (a construcción primixenia e primordial do arquitectónico). Un grupo de artistas mozos son os protagonistas da mostra na que fan da arquitectura «un elemento de reflexión, un contedor de significados artísticos, un catalizador de experiencias creadoras. Non en vano a arquitectura é quizais o referente artístico fundamental da cidade de Vigo, o espello onde se reflexa o seu devir criativo, social, económico e cultural», sinala o comisario da exposición, Xosé Manuel Buxán. Nesta edición participan seis autores. José Ángel Chas fotografía entornos arquitectónicos abandonados que enmarca en antigos marcos de molduras estragadas polo tempo e a historia (igual que os escenarios decrépitos representados nas instantáneas). Cristina Iglesias Reyes debuxa sobre a superficie branca da galería fragmentos de entornos domésticos que se siluetean no muro, a modo de perfís de sombras mentras que Juan Rivas presenta unha serie de pequenos óleos nos que pinta porcións dunha realidade espiritual de Galiza: os entornos de lugares e aldeas que inzan todo o territorio. Pola súa banda, Laura Verísimo Amor constrúe dentro da sala dos Peiraos unha peza feita con túl negro que é tanto un reducto espiritual como un cuarto para a inquedanza. José Rosendo Cid ergue esculturas nas que reflexiona sobre a esencialidade dos planos arquitectónicos e sobre un estereotipo: o da construcción doméstica por antonomasia, a casa. Por último, Sara Fuentes recrea nas súas maquetas e caixas policromadas significados propios, de maneira que a pulcritude desas gavetas semellan cofres metafísicos condensadores de significados. Cada un deles presenta traballos inéditos, realizados dende a plástica máis contemporánea dos novos valores que están a xermolar no panorama artístico galego. Na rede Como novidade nesta edición, o programa Malas Artes disporá dun espacio web ó que se pode acceder a través de www.vigo.org/malasartes. Neste espacio, aparte de presentar Malas Artes , poderase visitar as distintas exposicións realizadas ata o momento. Ademais, preténdese crear un lugar de participación no que os artistas noveis invitados den a coñece-la súa obra e intercambien proxectos, ideas, etc..