Entrevista | Xesús Alonso Montero O profesor presentará mañá o seu novo libro no que documenta un episodio protagonizado por ilustres galeguistas e Fraga na conferencia da Unesco en 1954
11 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Con A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954 , o profesor Xesús Alonso Montero actualiza un capítulo case descoñecido e olvidado da loita polo dereito de facer uso do galego na etapa franquista. A batalla a que fai referencia no título da obra que se presenta mañá as 20 horas na Casa do Libro, librouse no marco da octava conferencia xeral da Unesco, sendo Manuel Fraga o secretario da delegación española na que estaban o Ministro de Educación e os rectores Laín Entralgo e Tovar. A obra relata o episodio no que os galeguistas encabezados por Ramón Piñeiro, redactan un documento de denuncia no que expoñen sete agravios que se lle inferiron ó galego desde o ano 51. Mandan a denuncia a Buenos Aires (en galego, francés e inglés, mais unha separata en castelán), e ca axuda clave dun galeguista emigrado, Rodolfo Prada, dous galeguistas de Montevideo introducense na asamblea e logran repartir o folleto no encontro internacional. -Hai un océano de información sobre o problema de fondo, a persecución á lingua galega nas manifestacións públicas, en actos, conferencias, traduccións, etc. Os alumnos preguntábanme as veces, ¿pero o galego non estaba prohibido nesa época? ¡Non! eu falaba cos meus pais en galego, cortexaba as mozas en galego, e nunca apareceu Franco nin a policía por alí. O asunto é que non había lei que o prohibise, pero de feito, calquer autoridade facía unha chamada suxerindo e xa se entendía... -Seica vostede sufriu unha parte do que conta... -A primeira persecución da que se fala a vivín eu. O 30 de decembro do 51 (estudiaba cuarto de carreira en Madrid), viñen a Vigo para asistir no Casino ó acto de ingreso na Academia Galega do arquitecto Manuel Gómez Román, no que contestáballe Otero Pedrayo. Eu viña ilusionado porque iba a oir por primeira vez falar en galego en público, ¡e ademáis era Otero Pedrayo! O tema era inocente: Arte e arquitectura en Galicia , e de súpeto, ¡os dous falan en castelán nun acto da Academia! O terminar, os maiores, Ramón Piñeiro e Del Riego, entre eles, explicanme que o Gobernador Civil de Pontevedra, José Solís, prohibira facer uso do galego. Solís, que logo foi ministro de Franco dúas veces, «inmortalizouse» ca frase «Máis deporte e menos latín». -¿Non había un pouco de obediencia de mais? -Estou seguro que si falan en galego non os levan á cadea, pero o clima de represeión e de medo era tremendo e todo o mundo o acatou. O franquismo non é tan insensato para fusilar a un tipo por unha cousa destas, pero a cantidade de problemas que podían ter por iso...Nese ano, o 51, eu acababa de publicar o meu primeiro artigo na colección Grial de Galaxia, e casualmente foi prohibida a partir dese momento por orden dun director xeral de Prensa, un falanxista terrible que ocupa a metade deste libro, Juan Aparicio. -¿Qué repercusión tivo aquela acción? -A xente decatouse de que o fascismo do goberno de Franco era mais brutal do que parecía porque incluso as autoridades se permitían vulnerar as súas propias leis. Fraga non respondeu publicamente, non era un documento oficial. Fraga improvisa un argumento e dí que «¡cómo va a perseguir Franco el gallego si es gallego!». Pero non era parvo, e como home intelixente, ó percibir que había un problema, actuou. Pouco despois tómanse duas medidas un pouco comprensivas, autorízase a publicación das obras casi completas de Curros e no 56, a publicación dun libro de Heidegger en galego. O recoñecemento que lle fago a Fraga é que a partir de ahí as cousas van a ser un pouco máis permisivas.