A Xunta estrea a web do Stella, dirixida a persoas en situación de exclusión

La Voz

VIGO

Técnicos da consellería participaron en Santiago na cuarta reunión transnacional do proxecto A páxina conta con varios certificados que a identifican como accesible para discapacitados

26 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Técnicos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais participaron os pasados 22 e 23 de setembro no cuarto encontro transnacional da Acción 2 do Proxecto Stella, dirixido a persoas que se atopan en situación de exclusión social ou discapacitados co fin de integralos no mercado laboral. Durante estas xornadas o departamento autonómico presentou unha guía de motivación de empresas para a contratación de persoas con dificultades de inserción social e, xunto á Universidade de Vigo, responsable da actividade, deu a coñece-lo sistema de xestión da información do Proxecto Stella. Ademáis, presentouse a páxina web do Proxecto Stella, caracterizado por un deseño sencillo, fácil manexo e accesible para as persoas con discapacidade. Características Esta páxina conta con catro certificacións que a identifican como web accesible polo Consorcio W3C, formado por 400 prestixiosas organizacións mundiais. Este foi un aspecto prioritario no seu deseño dada a participación de persoas con discapacidade no proxecto, que conta coa intervención de Cermi e Autismo Galicia entre as entidades participantes. As certificacións da páxina maniféstanse con logos que indican que para mellor acceso das persoas discapacitadas foi realizada conforme ás Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0; que pasou o test de accesibilidade web con éxito e que se usan follas de estilo para a simplificación e mantemento do sitio web. A web do proxecto contén información dividida en dez apartados: definición; programación; obxectivos; persoas destinatarias; ámbito territorial de intervención; a Agrupación de Desenvolvemento; os seus socios nacionais; descrición das actividades que se desenvolven a nivel nacional; o Proxecto transnacional Myosotis: socios e actividades que se realizan a este nivel e o principio de igualdade de oportunidades. Ademais da presentación da páxina web, durante esta cuarta reunión transnacional do Proxecto Stella celebráronse dous grupos de traballo relativos á alfabetización en novas tecnoloxías e Plans de Inserción, onde os representantes dos distintos países e entidades presentaron as boas prácticas recollidas en cada un dos seus territorios. Durante o seminario de difusión, o departamento autonómico presentou ós seus socios transnacionais os contidos dunha guía de motivación de empresas para a contratación de persoas con dificultades de inserción social, e deuse a coñecer o sistema de xestión da información do Proxecto Stella, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo. Dentro das actividades programadas o Director Xeral de Promoción do Emprego, Manuel González Torres, disertou sobre as políticas de emprego que se desenvolven na Comunidade Autónoma.