O plan quere evitar a vulnerabilidade deste colectivo nó acceso ó traballo

La Voz

VIGO

29 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A finalidade última do Plan de Inclusión Social é conseguir que os colectivos menos favorecidos logren adquiri-las habilidades necesarias para evita-la súa vulnerabilidade ós cambios nos procesos socioeconómicos, posibilitando o acceso ó emprego e o mantemento dun xeito de vida normalizado. As persoas incorporadas ó Plan de Inclusión inician un proceso de orientación, información, diagnósticos da súa situación, deseño do itinerario individualizado de inserción e desenvolvemento das actuacións previstas. Este itinerario contempla actuacións de seguimento e apoio por parte dos servicios sociais de atención primaria e os equipos de intervención do Plan. Diferentes ámbitos Os proxectos deseñados a nivel individual abarcan diferentes ámbitos: o educativo que inclúe accións de formación básica, ocupacional, habilidades sociais, apoio escolar etc; o ámbito da saúde, e que abarca accións de educación sociosanitaria, información e acompañamento para tratamentos médicos; o ámbito da preparación para o emprego e que contempla as accións referidas a grupos de búsqueda activa de emprego, orientacións para o autoemprego e a economía social; o ámbito da participación social e que comprende accións de voluntariado social, información para a participación en organizacións e utilización de recursos comunitarios. Complementos Ademais, o mencionado plan autonómico de inclusión social tamén contempla programas de vivenda, polo que os beneficiarios recibiron distintas axudas para o arranxo de vivenda e equipamento básico, e tamén servicios de acompañamento social como prazas de gardería, canguros, e distintos programas de apoio psicolóxico e reforzo escolar.