A presentación do libro Os nenos de San Francisco , do fotógrafo Ricard Terré, inaugura hoxe ás 20 horas a axenda de actos no museo Verbum-Casa das Palabras. A iniciativa insírese na concepción do museo como un espacio aberto á participación e ao debate das máis diversas propostas e colectivos. O libro editado no Ano Europeo das Persoas con Discapacidade pretende amosar en imaxes, o labor desenvolvido a prol da igualdade e da integración dos diminuídos pola Asociación Galega San Francisco. Dende a súa creación, no 1967, a asociación ofreceu formación, atención e emprego a numerosas persoas con deficiencias psíquicas na cidade. O libro recolle as fotografías realizadas por Terré no 1998 por encargo do Centro de Estudios Fotográficos para a sección da Fotobienal Vigo-Visións. O proxecto de terré céntrase no mundo interior do Centro de Educación Especial San Francisco.