En memoria dos esquencidos

J. Santos CANGAS

VIGO

O colectivo Cangas pola memoria común presenta hoxe a historia de Manuel Nores e as lembranzas de Lola Rodal Blanco

11 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Durante estes días estanse a celebrar na Casa da Cultura canguesa unhas xornadas sobre a República baixo o nome «Cangas pola memoria común», coas que os organizadores (CNT, PSOE, PCPG, FPG e as asociacións Xiria e A Cepa) pretenden reivindicar o papel da República e de «tódalas vidas eclipsadas durante 40 anos de fascismo», así como solidarizarse coa loita dos dereitos conquistados polo movimento obreiro «ameazado hoxe pola globalización e polas políticas neoliberais».Hoxe, a partir das 19.30 horas, se presentarán os escritos de Manuel Nores, Taratola , pai do artista Antonio Nores, editados nun libriño polo Colectivo pola Recuperación da Memoria baixo o nome: «Historia dos feitos e sacrificios que realicei e sufrín», desde a idade dos seis anos ata os sesenta. Nores escribeu sobre a súa difícil infancia, o traballo no mar, a escola, a súa estancia en Arxentina ou sobre seu labor ó frente da Alianza Mariñeira. Ó rematar falará Lola Rodal Blanco sobre «Lembranzas dunha muller da República». O pai de Lola Rodal, dirixente da Alianza Mariñeira, foi un dos cangueses que estiveron presos no Lazareto. A súa nai sobreviveu ós disparos durante un traslado da prisión de Cangas á de Pontevedra. O seu irmán Ángel foi executado no cárcel de Vigo. Vertente reivindicativa As xornadas teñen unha vertente reivindicativa. Os organizadores reclaman que se restaure a dignidade dos mortos, desaparecidos, exilados e desprazados ou que se devolva ós seus titulares o patrimonio incautado. Propoñen destinar unha sala dun futuro museo etnográfico a lembrar o que pasou naqueles anos e, tamén, adicar unha praza e un monumento á memoria «dos que deron a vida por unha sociedade máis xusta». As xornadas finalizan o luns. De mañá, se colocará frente a casa do Mar -lugar onde estaba o cárcere polo que pasaron centos de veciños- unha pirámide co nome dos 46 republicanos mortos. Ás 19,30 horas se celebrará frente á ata fai pouco escola de música Inocentes Camaño, construida nos anos 30 pola Alianza Marineira e que hoxe reivindica a CNT, un acto testimonial. O remate terá lugar ante o citado monumento ós mortos republicanos, frente á Casa do Mar. O edificio da escola de música foi levantado por aportacións dos mariñeiros, canteiros e veciños como sede da Alianza Mariñeira. Foi expropiado polo Estado e, na actualidade, é municipal. Trasladada a escola, non se sabe cal será o seu destino.