Logo do éxito obtido con «Pensa nao», Anxo Angueira presenta «A morte de A.», unha novela de intriga que pretende ser unha homenaxe ó xénero do folletín
21 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Anxo Angueira obtivo, hai tres anos, o Premio Xerais como recoñecemento ós valores da súa novela Pensa nao . Desde entón, no ano 1999, non volveu a publicar ata chegar a A morte de A. . -¿Síntese agora «presionado»? -Non sinto esa presión de estar no escaparate, de feito, xunto a esta novela tamén publico un libro de viaxes, Terra de Iria, viaxe ó país de Rosalía de Castro . -«A morte de A.» é unha homenaxe as novelas por entregas. -Si, foi concibida para ser publicada dese xeito. Foi un xénero moi divulgado no século XIX e que empregaron autores galegos do Rexurdimento e portugueses. A propia novela é unha homenaxe a Eça de Queiros e Ramalho Ortigal. É un formato bastante esixente para o autor porque, no final de cada capítulo, ten que haber certa tensión para que o lector estea pendente da seguinte publicación. Tentei conservar iso. -¿Que conta na novela? -Nunha primera parte, trátase dun momento evocado, se sitúa, en Padrón e Santiago, nos meses inmediatos á morte de Franco, e recolle aquel ambiente de loita política e clandestinidade, aínda que iso non é máis que unha ambientación. Nunha segunda parte, centrada no presente, e que é un contrapunto, a trama se desenvolve en Malta. É unha narración enchida de intriga, ideada como unas cartas sucesivas ó director dun xornal. Cada unha das 31 cartas, supón unha entrega. -En «Pensa nao» plantexaba un ambiente coral, ¿repite agora? -Non, aquí hai personaxes máis individualizados. De algún xeito, a novela retrata unha xeneración como a miña que non chegou á loita antifranquista por cuestión de idade. É unha xeneración a que se lle vendeu unha situación política xa resolta en moitos aspectos. A novela retrata, nunha das personaxes, esta carencia de protagonismo e esta condena á inanición que sofrimos moitos da nosa xeneración. Tamén é unha novela máis sinxela para ó lector que Pensa nao, na súa organización, no seu léxico máis simple. -¿Quen é A.? -Na literatura folletinesca utilizábase esta fórmula, as iniciais dos personaxes, para crear expectación e misterio. -Vostede empregou diferentes xéneros literarios, ¿ten preferencia por algún? -Non, dependendo do que queres contar, hai xéneros que se adaptan mellor que outros, pero eu áchome a gusto en calquer xénero, mesmo neste libro de viaxes. Primeiro está o que tes que dicir e despóis o xénero.