¡Zas, pum, boom...!, o cómic

Ana Lamas / Rebeca Barreiro redac.vigo@lavoz.es

VIGO

M. MORALEJO

A Semana de Banda Deseñada chega a Vigo con diversas actividades e exposicións relacionadas co mundo dos tebeos. ¿Coñeces a «Golfiño»?

02 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Para tódolos gustos «Imaxina 2002» trae á cidade olívica a semana da Banda Deseñada (BD), ou para o común de nós, o tebeo. Trátase dunha exposición itinerante que percorrerá dezaseis concellos galegos. A través de diferentes actividades, obradoiros, exposicións e proxeccións, preténdese achegar ó mundo do cómic a tódolos rapaces, e non tan rapaces, de Vigo. Dende onte e ata ó próximo sábado, seis de setembro, os afeccionados poderán visitar a mostra, ubicada na Casa da Xuventude, de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. A entrada é libre e gratuita. Os novos talentos Nas paredes atópanse pendurados os debuxos orixinais de creadores emerxentes, premiados no concurso convocado pola dirección xeral de Xuventude e Promoción Cultural. Marcos Calo, Lois Bernal e David Roi son algúns dos novos talentos que nos amosan as recentes tendencias na creación de cómics en Galicia. Historias futuristas e debuxos transgresores advirten que na orixinalidade está o segredo no panorama actual da banda deseñada. Ademais do excelente nivel de creación, o certame serve para animar ós rapaces e rapazas galegos a achegarse a este eido das artes plásticas. Para demostrar que os vigueses tamén teñen arte, esta semana presentarase un concurso de «BD» para todos aqueles mozos de entre dezasete e vinte anos. As follas de inscripción atópanse na Casa da Xuventude ou na súa divertida páxina web: www.semanabd.com. Nostálxicos Para aqueles que teñan morriña do Capitán América , a Patrulla X , Tintín ou Astérix , dispoñen dunha «bedeteca», ou sexa, un expositor con exemplares destas coñecidas historietas. Asemade, poderase disfrutar dos representantes españois coma Súper López , Mortadelo ou Mafalda . A relación entre banda deseñada e cinema demóstrase nas proxeccións que terán lugar ata o xoves. Os vixilantes do camiño , a exitosa serie da TVG, foi a estrea de luxo para o primeiro pase, ó que asistiron preto dunha ducia de nenos. Marco Antonio, rescate en Hong Kong , proxectarase hoxe a partires das seis da tarde. O meu veciño Totoro e Dick Tracy completan a oferta cinematográfica. O futuro do cómic galego A que fora unha revista mensual de Xerais é agora un sumplemento de La Voz de Galicia, Golfiño , e será presentado o vindeiro xoves. Esta recompilación da obra de autores galegos coma Kiko da Silva, pretende impulsar o cómic galego coa publicación de historietas coma O bosque animado , Golfiño , O castelo regadeira ou Os biosbardos . Tamén terá cabida a nova revista Bule-Bule , nada este ano para os máis pequenos. No percorrido ata a mostra, o público pode observar, se se dá conta, paneis didácticos ¿De quen é a auga? e Vivir no solo . Vista a mostra, xorde unha pequena pregunta: ¿non hai nada máis?.