Onte mesmo chegaron os primeiros reparos por parte da Plataforma Antipeaxe ante a noticia de que a tarxeta estaba en marcha. Consideran «incongruente» que non se contemple a unidade familiar no uso do vehículo, dado que se advirte que o seu uso debe ser persoal e intransferible. No caso de que o marido ou a esposa utilice a tarxeta será considerado un uso fraudulento. Outra cuestión é que non puideron solicitar a tarxeta as persoas xurídicas, é dicir, empresas, comercias ou industrias. Quedan fóra das subvencións por decreto. Un asunto moi polémico é que a peaxe non saia gratis para quen faga menos de dez viaxes. ¿Que supón isto? Poñamos un caso práctico: un vigués que vaia ás praias do Morrazo no seu mes de vacacións para disfrutalas coa súa familia non pagará, mentres que un cangués que precisa de ir a unha revisión médica semanal a Povisa está obrigado a abonar o paso pola A-9. A Plataforma Antipeaxe fai fincapé no feito de que a ponte de Rande non sexa gratuíta para quen se despraza entre as cidades de Vigo e Pontevedra, o tramo máis rentable e máis caro de toda a autoestrada galega. Unha circunstancia que non debe pasar desapercibida é que a concesionaria vai seguir cobrando cos cartos de tódolos cidadáns, xa que son Xunta e Deputación Provincial as que cubrirán as subvencións. Tanto o conselleiro Cuiña como o presidente da Xunta, Manuel Fraga, como o ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, dan por pechada esta situación. Ninguén se molla agora pola supresión total da peaxe de Rande, pese a que nun documento da Administración galega se recoñece que non hai un paso alternativo entre a península do Morrazo e a cidade de Vigo. Por iso a plataforma considera «ben triste» a situación. .