O Círculo de Bellas Artes acolle unha mostra coa obra do arquitecto porriñés que se clausurará en xaneiro Último gran representante da arquitectura decimonónica e precursor da construcción en granito. Antonio Palacios, que fixo de Madrid unha cidade cosmopolita nos anos 20, non acadou nunca o merecido recoñecemento. Agora o Círculo de Bellas Artes acolle unha mostra da obra deste arquitecto porriñés nunha homenaxe. Xosé Ramón Iglesias Veiga, estudioso da súa obra, destaca a importancia de Palacios no despegue económico de O Porriño, xa que foi o promotor da construcción en granito.
13 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.ANA PRIETO O PORRIÑO. Corresponsal A cidade de Madrid debe moito do seu esplendor a Antonio Palacios, un insigne arquitecto que, ata o de agora, non tiña ocupado o destacado lugar que merece na historia. Agora unha das súas obras máis emblemáticas, o Círculo de Bellas Artes, acolle a exposición Antonio Palacios, constructor de Madrid. A mostra, un merecido homenaxe a este porriñés universal, inaugurouse onte e estará aberta ata o próximo 2 de xaneiro. Esta iniciativa coincide co 75 aniversario do Círculo e conta con dúas salas de exposicións. Na primeira, Una iconografía madrileña, el mundo de Palacios, mostra a gran importancia do arquitecto na cidade a través dun plano onde se reflexan todos os seus proxectos. Maquetas de edificios, documentais, vídeos e planos completan esta mostra. Na outra sala pode coñecerse a vida do arquitecto e a súa obra completa. Xosé Ramón Iglesias Veiga, estudioso de Palacios, apunta que co gallo desta exposición vai editarse un catálogo no que por primeira vez se vai recoller a obra completa do arquitecto porriñés. Iglesias Veiga destaca o carácter «didáctico» da mostra e afirma que sería de gran interese poder traela tamén a O Porriño ou Vigo. Así sería posible que os veciños de O Porriño coñezan a Antonio Palacios «que por ser tan próximo é un olvidado na historia». Obras de arte na rúa A homenaxe a Palacios non se limita só ó edificio do Círculo de Bellas Artes, senón que a organización (Miniterio de Fomento, Concello de Madrid e Círculo de Bellas Artes) invita a un percorrido por Madrid, sala de exposiciones. Existen visitas guiadas a obras do arquitecto porriñés como o Hospital de Maudes, o Palacio de Comunicaciones e o Círculo de Bellas Artes. Tamén se fai un percorrido en autobús polo «Madrid de Palacios». O día 20 de novembro celébrase unha mesa redonda na Sala María Zambrano que contará coa participación de Xosé Ramón Iglesias Veiga, Iñaki Abalos, Ángel Luis Fernández e Jacobo Armero, comisario desta exposición.