«Hai que esgotar o Estatuto»

La Voz

VIGO

CAPOTILLO

O dirixente nacionalista califica de drama que a zona costeira non poida correxir a despoboación Ten unha tendencia natural a falar da política forestal. Pero fai fincapé tamén nos problemas do sector pesqueiro, da despoboación do interior de Galicia, da política forestal e, como non, da Constitución. Para Bautista Álvarez, abonda con apurar o Estatuto de Autonomía en todas as súas posibilidades. Tamén pide a consabida (Declaración de Barcelona) reorientación da Constitución española.

17 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Desenvolver a Constitución. «O Estatuto de Autonomía non está esgotado, hai que esgotalo. Por exemplo, a integración dos orzamentos das deputacións dentro dos da Xunta só se fixo unha vez con Fraga. O BNG ten propostas como O Banco Público Galego, a ordenación comarcal e a orientación da Constitución española nun sentido máis descentralizador. O sistema competencial vasco é para os vascos, o noso hai que adecualo á realidade». A crise da pesca. «O problema máis importante da provincia neste momento é toda a actividade económica vinculada ó sector pesqueiro. Está sendo agredida polas trabas para faenar en caladoiros onde a flota galega viña faenando tradicionalmente. Un exemplo dase en Bueu: é triste que unha das actividades económicas máis importantes teña como destino convertirse en museo, falando de Massó». Viñedos e impostos. «Unha terra que é apta para o cultivo non pode estar abandonada por culpa da emigración. Hai que sacarlle a maior rendabilidade. O BNG leva no seu programa unha lei de ordenación de cultivos. Pódese presionar a través de moitas medidas, como as fiscais: se unha terra é apta para unha alta calidade en viños ou tomates se lle aplican uns criterios fiscais igual que se estiveran en plena producción. Tamén hai que levar adiante a creación do banco de terras, que non significa a expropiación». Importación de madeira. «O outro día visitei a exposición do moble da Estrada. Fabrícase un moble de alta calidade. Preguntei pola materia prima. Os expositores me dixeron que utilizaban preferentemente castiñeiro, nogueira e sirdeira, e que tiñan que importar de fóra de Galicia. Que nós teñamos que importar cando aquí hai unhas condicións excepcionais para a producción destas madeiras é algo moi preocupante. Non hai política forestal». Celulosas de Pontevedra. «Nós o que pedimos é a integración do proceso productivo. Calquera autorización para novas plantas de fabricación de pasta de papel iría vinculada a integración nun 80% do proceso productivo derivado. Xa que temos que cargar cunha industria con efectos negativos, que se aproveiten os efectos positivos coa integración». A competencia de Porto. «A política administrativa do Estado español está desatendendo os aeroportos galegos e obrigando ós viaxeiros galegos a ir a Porto. Agora non hai voos directos a Bruxelas e hai que perder cinco horas no camiño. A outra opción, dende Vigo, e que os veñen buscar de Porto gratuitamente. A algúns lle caeu a cara de vergoña porque as grandes vías de alta capacidade chegaron antes a Galicia por Portugal que pola Meseta». A despoboación e a costa. «Estase incidindo moito no problema da baixa natalidade. Fronte a esto hai que afirmar que é similar á de outros países de Europa pero aquí vai acompañada dunha caída demográfica. Aquí persiste unha emigración peculiar, que se cadra non se daba en tempos pasados. Hoxe, sae man de obra moi cualificada, incluso técnicos. A costa está imposibilitada para absorber todo ese excedente poboacional, este é o drama».