Manolo González Fernández, presidente da Comunidade de Montes de Areas de Tui O presidente da Comunidade de Montes de Areas expresou a súa preocupación por cuidar que as empresas que se instalen no novo parque empresarial non produzan contaminación ambiental nin acústica. Manolo González explicou as vantaxes que terá para a parroquia o novo polígono e confirmou que xa se mediron terreos noutra zona para o que podería ser un segundo parque industrial. Queda claro que a estratéxica situación xeográfica de Areas fan da parroquia un sitio privilexiado para construir. O propio Concello de Tui parece interesado en adquirir os terreos do viveiro e está a traballar nun proxecto.
13 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.MÓNICA TORRES TUI. Correspondente Areas sufriu nos últimos anos unha grande transformación. Instaláronse dúas superficies comerciais, acábase de inaugurar a primeira fase do parque empresarial e xa se anuncia a seguinte para principios de ano. -¿Qué significan para Areas tantos cambios?. -Son boas as dúas superficies comerciais porque supoñen maior comodidade e oferta. Temos máis dudas da zona industrial. Haberá que facer unha comisión para vixiar o tipo de empresas que se instalen. Este era un sitio moi tranquilo e non queremos empresas que contaminen nin fagan ruido. O alcalde debe vixiar os proxectos que se presenten. -¿Non estaba de acordo coa ubicación do parque? -Nós tivemos que «tragar» coa zona industrial aí. En 1992 presentarámos dous sitios alternativos pero aínda que Xestur si os valorou, o entón alcalde non quixo. Fomos a xuicio por entender que non era o lugar adecuado, era unha zona moi bonita e demasiado perto das casas. De feito, aínda non lle deron permiso para facer a entrada dende a autovía. Buscamos outras formas para retrasar o proxecto pero si había veciños interesados nós non íamos ser os culpables de que Tui perdera o parque. -¿Qué compensacións tivo Areas a cambio do parque? - A cambio de non facer máis lio pedimos tres melloras para a parroquia, entre as que figura o ensanche da estrada que non contemplaba o proxecto. Xa fixeron o parque infantil ó que só lle falta o punto de luz e as papeleiras, e lle pedimos que cubriran a pista polideportiva, pero aumentando as dimensións. Querémola máis ampla para poder facer algún día as gradas. -¿Qué se sabe da segunda fase do polígono industrial? -Contan adxudicalo en xaneiro. Esperamos que cumplan as promesas, que arranxen as pistas e que se faga un proxecto da estrada a Anta cun mínimo de sete metros asfaltados. -¿Sabe algo a Comunidade dun posible segundo parque na parroquia? -Xestur levantou un plano do monte. Sería máis grande que éste, 300 hectáreas entre Areas e Pexegueiro. As parcelas do primeiro son pequenas, e hai un tipo de empresas que necesitan máis metros. Fálase dunha fábrica de Citroën que agora e está en Portugal e unha de mobles que necesitarían máis de 40.000 metros cadrados. -¿Hai algún proxecto para os terros do viveiro? -Tivemos moitos problemas coa súa titularidade pero, por fin, en maio quedou claro que a Xunta tén que devolvelo ó Concello e éste a nós. A parroquia non pode mantelo porque son moitas hectáreas, o Concello dixo que lle interesa e xa está a facer un proxecto. Non hai planos aínda pero o proxecto que se barralla incluiría 5 ou 6 hectáreas de arboleda, outros tantas para centrar aí a zona deportiva de Tui, un museo na casa, unha especie de Escola Obradoiro e un sanatorio comarcal.