M.T. TUI. Correspondente O Valedor do Pobo admitiu a trámite a denuncia presentada polos veciños tudenses sobre o edificio Beira do Miño. Máis de 200 persoas denunciaron por escrito ante a consellería de Cultura a construcción do inmoble, situado entre a rúa Padín e o Piñeiro, ó entender que é unha grave agresión sobre o patrimonio histórico e artístico. Os veciños advirten que os voladizos da obra sobrepasan os límites establecidos no Plan Xeral de Ordenación Urbana. Sinalan ademáis que Patrimonio aínda non emitiu ningún permiso para a edificación. A obra supón, segundo os veciños, unha barreira óptica que rompe coa tipoloxía existente e que modifica a peculiar e característica edificación dunha cidade escalonada. Os veciños manifestan que a delegación provincial da consellería de Cultura xa enviou hai meses varios requerimentos ó Concello para que paralizasen cautelarmente as obras. O representante dos veciños, Xosé María Lores, afirmou que o subdirector xeral de Patrimonio informoulles que os servicios xurídicos da consellería estudian a presentación dunha denuncia xudicial sobre o tema. Pola súa parte, o concelleiro de urbanismo, Alejandro Carrera, manifesta que a obra ten licencia municipal e cumple co PXOU. O historiador tudense, Suso Vila, sinalou que a construcción é ilegal porque non cumple coa normativa dos conxuntos declarados Ben de Interese Cultural. Cando toda a cidade foi declarada en 1985 B.I.C, a zona de respecto deixou de ser tal, e se incluiu como Conxunto Histórico. Vila advirte que esta actuación terá repercusións graves, xa que é competencia de Patrimonio e non só do Concello.