SANTIAGO DOMÍNGUEZ OLVEIRA TRIBUNA ABERTA
17 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Mes de decembro: o responsable da seguridade do estadio de Balídos, Fernándo González, comunícame unha serie de deficiencias que se observan na bancada de Río. Esa mesma semana anúnciolle que a Concellería de Deportes encarga un informe e que, entrementres, unha empresa especializada visitará o estadio e adoptará as medidas necesarias para evitar que poidan producir desprendementos da cuberta. No mes de xaneiro recibese na Concellería un escrito do director xeral do Celta facendo saber que seguen existindo deficiencias na devandita bancada. Por parte da Concellería se lle insta a empresa a auxiliar a elaboración do informe para dpoder acometer as actuacións precisas. Mes de febreiro: a causa dos temporais desprendese da bancada unha parte dun cano de auga, que cae na avenida de Citroën. Recíbese na Concellería un novo escrito e este concelleiro diríxese ao director xeral do Celta indicándolle que está a piques de se recibir o informe encargado e que sempre foi intención desta Concellería arranxar as deficiencias da bancada. Casualmente (digo eu que será casualidade) días despois de que en distintos medios apareza a noticia de que a Xunta lle pide ao Celta que busque financiamento para o novo estadio, comeza unha campaña de continuas críticas contra o goberno municipal para denunciar o estado no que se atopa Balaídos. O luns, día 19, a primeira hora terei xa na miña mesa o informe definitivo sobre os problemas do estadio e esta Concellería dará as ordes oportunas para que principien os arranxos necesarios. Ata aquó a realidade do problema, pero quixera agora facer unhas consideracións. 1.-En palabras do director xeral do Celta, os problemas na bancada de Río existen dende hai ao redor de cinco anos. Chama a atención que se agardara ata aqui para reclamar abertamente a súa reparación e que se insista nos medios sobre a necesidade de facelo urxentemente omitindo que existe un compromiso do goberno municipal para efectuar os arranxos necesarios. 2.-O presidente do Celta, Horacio Gómez, e o director xeral, Alfredo Rodríguez, son representantes dos veciños de Vigo, elixidos como concelleiros da corporación. Como tales deben velar polos intereses de todos os clubes e deportistas da cidade que, con moitos menos medios ca o Celta, se enfrentan a cotío a numerosos problemas e reclaman a atención deste Concello. Os señores González e Rodríguez deben saber que o mal tempo deste inverno causou estragos en moitas outras instalación deportivas municipais, que nunha primeira estimación cífranse en 40 millóns. Como edís que son, se lles debería pedir que amosasen o mesmo interese en que se solucionasen estes problemas. 3.-Cantas veces temos escoitado falar de que o Celta espalla o nome de Vigo por todo o mundo. ¿Por que entonces os que sempre fachendeaban diso aproveitan unhas deficiencias para deteriorár a imaxen de Vigo?. 4.-Aos dirixentes do Celta pediríalles que tiveran un pouco de humildade e comprensión, como fan outros clubes como o Rápido de Bouzas, o Balaídos o Independiente, o Cíos-Vigo, o Vigo Rugbi ou os atletas desta cidade. Ningún destos clubes recorreron á presión para conseguir as súas xustísimas reivindicacións. Desde a miña chegada a Concellería de deportes intentei sempre manter unhas relacións fluídas cos representantes do noso clube mais emblemático. Non vai cambiar esa actitude pola miña parte, pero si pediría un mínimo grao de coherencia e compromiso co deporte da cidade en xeral por parte de aqueles que o poden facer e que teñen medios suficientes para iso. Quero lembrar para rematar, a famosa crise dos avais. ¿Recordan cando neses momentos críticos para o Celta todos os políticos sen distinción de ideoloxía e toda a veciñanza de Vigo prestou o seu apoio saíndo a rúa e contribuindo a evitar a posible desaparición do clube? ¿Lembran cando todos os vigueses aportamos os nosos cartos para que o Celta puidese ser unha sociedade anónima deportiva? Este concelleiro volverá ocupar o seu asento en Río nos próximos partidos. Quero que todos os celtistas saiban que porei toda da miña parte para arranxar os problemas desa zona do estadio e que o único que o impediu ata agora foi a falta material de posibilidades para arranxar de golpe todas as deficiencias que provocaron os temporais. Non quixera rematar sen desexar unha vez máis os maiores éxitos deportivos ao noso equipo, que moitos coma min levan no seu corazón dende a mais tempera idade.