«A Casa Negra, do século XIII, é a edificación máis interesante de Tui»

La Voz

VIGO

Suso Vila-Botanes, historiador O historiador Suso Vila presentará este sábado o seu novo libro nas instalacións da Área Panorámica. «Pazos e casas de Tui» é o segundo traballo deste xove tudense que xa publicara no 99 «O Tui esquecido». Este novo estudio é o froito dunha profunda tarefa de investigación na que o autor estivo traballando durante os tres últimos anos. O obxectivo deste libro editado pola asociación Amigos da Catedral é dar a coñecer a arquitectura civil das cidades fornteirizas de Tui e Valença.

10 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

MÓNICA TORRES TUI. Correspondente Suso Vila naceu en Tui hai agora 27 anos. Este historiador é ademáis vicepresidente da Fundación Teatro Principal, colaborador habitual da revista Río da Asociación Eliseo Alonso e do boletín de estudios do seminario Fontán Sarmiento. -¿Como naceu a idea deste novo traballo? -Quería facer algo que tivese repercusión real en Tui. A arquitectura e a historia da catedral e das igrexas do Concello xa estaban moi tratadas. Este libro pretende dar a coñecer a arquitectura civil en Tui e Valença e a historia dos seus propietarios. -¿Que tipo de construccións analiza o libro? -O traballo céntrase nas casas máis significativas do Concello tudense e o valenciano dende o século XIII ó XX. Tamén recolle o estudio de casas xa desparecidas e dos principais pazos e quintas das cidades fronteirizas. É un libro descritivo que ademáis inclúe a historia da arquitectura civil da época medieval. -¿Cal é a edificación máis interesante en Tui? -Penso que a Casa Negra do século XIII situada na rúa Tyde. Parece ser que o seu nome ven dado pola presenza de varios coéngos nesta casa a comezos do XX. No seu vestíbulo hai unha magnífica escadaría barroca. Tamén conta cunha lareira do XVIII e un amplo xardín cun magnolio de máis de 200 anos. -¿En que traballa actualmente? -Estou preparando outro libro sobre a historia medieval de Tui e Valença e próximamente publicarei o meu traballo sobre o Teatro Principal.