Un Dépor da Coruña


Non ten esta cidade bo recordo dos antigos enfrontamentos entre o Concello e o Deportivo. Tampouco da división social que viviu recentemente o deportivismo, en cuxa resolución traballamos silenciosamente. Porque é claro o compromiso deste Goberno local co Dépor, símbolo e motor coruñés. Nesa liña, o Concello cede gratuitamente o estadio de Riazor (o que o propio club valora en 700.000 euros anuais), inviste en patrocinio ou desprega amplos e custosos dispositivos de tráfico. Non hai entidade de ningún tipo na Coruña que disfrute dunha axuda municipal semellante.

As cubertas do estadio son responsabilidade do Concello. Herdamos do goberno do PP un deficiente proxecto de obra, que a adxudicataria afirmou non poder realizar, o que nos dirixía cara un litixio que paralizaría moitos anos as necesarias reformas. Por iso, e tras acordar coa SAD, procedeuse á resolución do contrato sen cargas económicas e á licitación dun moito máis ambicioso, que está a redactarse cos lentos procesos administrativos que marca a legalidade -creados para evitar a corrupción- e que supón unha histórica aposta do Concello polo benestar das xentes que acoden a Riazor: será un investimento duns 7 millóns de euros. Un esforzo inmenso que vai acompañado de obras de reparación e dun contrato de mantemento a piques de saír que garantirá aínda máis a seguridade do público.

Ninguén apostou tanto como este Goberno local polo Dépor e por pechar o crónico problema das cubertas que, como ben dixo o expresidente Lendoiro, remóntase décadas no tempo e polo tanto resulta moi anterior á nosa chegada a María Pita hai ano e medio.

O Dépor é de todas e de todos. Patrimonio da Coruña popular. Desde a nosa posición -no Concello e na bancada- seguiremos facendo todo o necesario para que así sexa.

Non imos caer nas provocacións de quen só se preocupa e berra polo Dépor cando lle sirve para os seus escuros intereses. O deportivismo non o merece. Así o creo eu, o primeiro alcalde da Coruña que tamén é socio de General.

 

Xulio Ferreiro é alcalde da Coruña e socio 5.070 do Dépor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
50 votos
Comentarios

Un Dépor da Coruña