ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO
25 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.«Gritos guturales, agudos, fuertes y prolongados que los mozos de nuestras aldeas emiten cuando regresan de las romerías o cuando quieren hacerse oír por sus enamoradas o por sus rivales en amoríos». Esta é a peculiar, pero acertada, definición con que Eladio Rodríguez explica no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (que foi elaborado entre a década dos vinte e dos trinta) a palabra «aturuxo», un exemplo claro da intuición e da entrega dun intelectual humilde que, contando con moi poucos medios científicos (e dos outros), desenvolveu un labor imprescindible para a lexicografía do idioma galego e, en xeral, para o seu país. A Academia decidiu dedicarlle o próximo ano a festa das Letras Galegas e eu, que non son nada adicto ó santoral, alégrome. Porque é unha homenaxe a unha personalidade xenerosa. Porque o seu diccionario encheu un baleiro inmenso durante anos para os que necesitabamos alfabetizarnos en galego e foi inspirador de obras posteriores ata nos erros que contiña. Porque é un recordatorio rotundo de que a investigación sobre o noso idioma debe formar parte das prioridades e da modernidade deste país de obsesións asfálticas e tecnocráticas. Porque agora que o complexo de que falar galego era falar mal foi substituído polo de que non se fala ben o galego, todas as ferramentas que sirvan para gañar en precisión e información sobre o idioma son poucas. Porque era da familia do meu amigo Xosé Morais, un dos poucos e mellores guionistas profesionais de cine e TV deste país (guionista e editor de 52 capítulos de Mareas Vivas). E porque si.