Conchi Blanco: «Da crise saímos ben porque a xente ten que comer, aínda que haxa un virus»

a. buíncas REDACCIÓN / LA VOZ

TERRA

PEPA LOSADA

A directora de exportación de Pescados Rubén di que a empresa subíu as ventas, pero non a facturación porque baixou o peixe

25 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Comer hai que comer». Esa alusión á función básica que a nutrición é para o ser humano é a que fan moitas empresas de alimentación para explicar esa resistencia que mostraron durante a crise sanitaria. É tamén a lectura que fai Conchi Blanco, directora de Exportación e Importación de Pescados Rubén: «A nós non nos afectou moito porque, aínda que haxa un virus, a xente ten que comer». E comercializando como comercializa Pescados Rubén «un produto moi beneficioso, de primeira necesidade, unha proteína das máis baratas que hai, xunto co polo, e nuns nichos de mercado» de gran consumo, tanto en España como en 43 países estranxeiros, non é de estrañar que o coronavirus pasase case inadvertido. Case, porque na empresa tiveron que adoptar novas medidas hixiénico-sanitarias, como desinfectar os containers despois de cada uso e porque, á fin de contas, venderon máis pero non facturaron moito máis porque o peixe caeu de prezo.

-Que é o peor que recorda desta crise sanitaria?

-A incerteza dos primeiros intres, cando dicían que se pechaban as fronteiras, as dúbidas sobre se teriamos peixe, incluso tiñamos medo, cando se paralizou case todo, de que non tivésemos caixas para o produto ou bolsas de plástico, co que teriamos que parar nós... Pero todo saíu ben.

-Zafaron todas as liñas de negocio da empresa? Comportouse mellor o fresco? O conxelado?

-É certo que houbo produtos no sector do peixe que si resultaron afectados, sobre todos os que tiñan como principal destino a restauración, que estivo cerrada, e a exportación para o canal horeca tivo unha caída. Pero nós en conxelado temos basicamente peláxicos (sardiña, xurelo, xarda...) que é unha proteína barata, de primeira necesidade para mercados como o de África, por exemplo. E no fresco, os nosos produtos van para os mercados centrais de toda España, Francia, Portugal e Italia e para as áreas comerciais, e son nichos de mercado nos que creceu o consumo de peixe, porque o que non se comía no restaurante porque estaba pechado, cociñábase na casa.

-Sacaron algunha lección desta pandemia?

-O que aprendemos é que hai que adaptarse ás circunstancias e aos tempos dunha maneira áxil. Canto máis áxil sexas, más operativo. E o noso proxecto de futuro é conseguir darlle máis valor engadido ao produto para diferenciarnos no mercado.

-Teñen xa algunha idea en concreto?

-Pois agora que a xente xa está máis afeita a mercar o peixe sen ter que velo enteiro, en lombos, filetes ou toros, o que queremos é poñer en marcha unha liña de envasado en bandexa. Ata agora, vendemos peixe en fresco ready to cook, pero en caixas grandes para hipermercados. Tamén imos lanzar este ano un novo produto: unha hamburguesa de pescada. Pero unha hamburguesa que será practicamente toda peixe, máis dun 90 %, o que non sexa allo e perexil.

 -Todo con marca branca, de fabricante. Pode ser por iso que o consumidor non estea familiarizado con Pescados Rubén?

-Dentro do sector coñécenos todo o mundo, porque levamos dende 1964 comercializando peixe fresco, conxelado e elaborado. Polo momento traballamos en marca branca, si, pero estamos abertos aos cambios. A única marca coa que o consumidor final nos identifica é a das nosas conservas Rubén 1964. Son conservas gourmet, prémium, para padales exquisitos. Enlátase do mellor o máis escollido: bonito, xarda, sardiña, mexillón, xoubiña...

-E tamén conseguiu sortear a crise esta liña de negocio?

-Empezamos en plena pandemia e todo foron obstáculos tras obstáculos. Houbo que traballar o dobre para conseguir o mesmo, pero estamos contentos porque cando o cliente a proba, a venda está asegurada. O sabor dun produto recentemente pescado en lata ou en frasco é exquisito, desfaise no padal. Elaboramos unha ventresca de bonito a partir de xullo e a produción deste ano xa está toda vendida.

-Pero se aínda non se pescou nin o primeiro bonito! E se non chega a cota ou se non se pesca?

-Nós compramos nas lonxas todos os días e tamén tratamos directamente con barcos, salvo que o mar non nos dea bonito... Nós só producimos na campaña. Se dá para un mes, pois un mes.

-É dicir, que estarán tan pendentes da negociación das cotas como os propios armadores.

-Necesitamos máis cota en todo. Nós en España sempre pedimos máis cupo. Tanto en pescada, que é no noso produto estrela en fresco, como en xarda, que é o noso forte en conxelado, pero tamén sardiña, bonito... A cota non nos chega para atender a todos os nosos clientes, por iso ás veces temos que recorrer a produtos de outras orixes. Hai que buscar en outros países para dar servizo. Non é a mesma calidade, é distinta; pode variar o sabor, a textura tamén, pero iso é o que lle tes que explicar ao cliente. A transparencia é importante. Hai que darlle ao consumidor a información da orixe, da zona FAO, para que cada un elixa canto gastar e como gastar.