A TVG celebra o cine galego na semana dos premios Mestre Mateo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Recreación do voo de Aviaco que se estrelou en Montrove en 1973
Recreación do voo de Aviaco que se estrelou en Montrove en 1973 Voz Audiovisual

O público poderá gozar dunha selección de contidos pensados para destacar o talento, a creatividade e a forza do audiovisual feito en Galicia, en AGalega.gal

16 mar 2026 . Actualizado a las 11:39 h.

A CSAG súmase á celebración da semana grande do audiovisual galego cunha programación especial en AGalega.gal e na G2. Esta proposta servirá como antesala da gala dos premios Mestre Mateo que a TVG retransmitirá en directo desde Lugo, o sábado 21 ás 22.00 horas. O público poderá gozar dunha selección de contidos pensados para destacar o talento, a creatividade e a forza do audiovisual feito en Galicia, nunha oportunidade única para descubrir producións destacadas e quentar motores antes da gran noite na que a industria galega celebra os seus mellores traballos. AGalega.gal reunirá nunha única sección producións recoñecidas polos premios en anos anteriores, con longametraxes, documentais, programas, series e webseries que amosan a diversidade e talento do audiovisual galego.

E na G2, novidades cada noite da semana: o luns 16 Historias de aquí, serie premiada pola súa realización, que combina documental e ficción para reconstruír acontecementos e personaxes que marcaron a memoria colectiva galega; o martes, estrea do documental Filmei paxaros voando, galardoado na edición de 2025 e que recolle o regreso de Zeltia a Galicia para facer unha película sobre seu tío, un artesán téxtil, e un proceso de reconciliación co seu pasado; o mércores emitiranse os programas Recollendo músicas e Raiña-me, e a noite do xoves dedícase ás webseries A arte de ser mal pai, Rent-a-pal e Pringadas.

A semana péchase coa emisión do filme Sica o venres 20, cinta recoñecida polo seu traballo de dirección de fotografía. A película segue a historia dunha adolescente que busca respostas tras o naufraxio do seu pai na Costa da Morte.