Esta noche a las 22:00 emítese un novo capítulo de Serramoura
10 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Chechu Salgado volve a Serramoura interpretando a Román Fiúza un dos personaxes máis recoñecibles da ficción de Voz Audiovisual.
-Despois dun tempo lonxe de Serramoura, que viviu Román durante todo este tempo?
-Rexenerarse e tomar aire respecto a todo o que lle estaba acontecendo. Coa escusa de ir estudar a Santiago e rematar a súa carreira, o seu obxectivo era reinventarse.
-Como foi a evolución de Román?
-Román sempre foi un rapaz conflitivo, parecía que tiña un imán para os problemas (ri). O accidente que sufriu Román foi un golpe moi forte para o personaxe e ao estar nun estado de ánimo tan baixo faino marchar. Esta marcha é necesaria para que Román poida crecer e aprender cales son as cousas que realmente teñen importancia e enfrontarse a elas como veñen.
-Que destacarías do novo Román?
-Destacaría que se volveu máis responsable. Ten maior capacidade para enfrontarse aos problemas e volveuse moito máis consecuente. Román volve a Serramoura pola dúbida de se o fillo que agarda Luz poida ser del. Digamos que o deber o chama (ir). Sabe que na vida hai que posicionarse moitas veces e hai que facer as cousas que un considere mellor para el mesmo e para a xente que o rodea. Pero que ninguén se preocupe porque os espectadores van ver que a esencia de Román segue neste regreso, o que pasa que agora é máis responsable e volve con máis forza.
-Que supón esta serie para túa carreira como actor?
-Eu a Serramoura débolle moito porque grazas a esta serie gañei moita visibilidade e puiden seguir crecendo como actor. Tamén débolle moito a todo o equipo de Voz Audiovisual porque sempre estiven moi arroupado pola súa parte.
-Que lle depara o futuro a Román nesta temporada?
- O futuro en Serramoura é para todos os personaxes moi complicado. A vila non dá moitas alegrías e a Román espéralle un gran cambio na súa vida coma tantas veces.
-Que atoparán os espectadores de Serramoura no capítulo deste domingo?
- Esta noite teremos moitas sorpresas. Verán a un Román diferentes, e veremos unha resolución moi extrema a un conflito. E quero aproveitar a ocasión para agradecer a toda á xente que lle ten moito tanto cariño a Román.