« É un gusto facer a un personaxe como Daniel porque vive en continuo risco»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Xoel Fernández encarna o novo capataz de Evaristo Fiúza
Xoel Fernández encarna o novo capataz de Evaristo Fiúza

«Serramoura» amosará aspectos descoñecidos do pasado de Daniel e Aurora que serán decisivos

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Compaxinando as funcións do espectáculo teatral Calígula debe morir coa súa participación en Vivir sin permiso, o actor Xoel Fernández fala de Daniel, o personaxe que interpreta en Serramoura 

-Que atoparemos no episodio deste domingo?

-Nos capítulos previos vimos que Daniel e Aurora amosaron a súa mellor versión, pero esta noite aparecerán cousas do seu pasado, do que escapan continuamente, e iso vai cambiar moitas cousas.

-Por se alguén perdeu algún detalle dos últimos episodios, quen é Daniel e que fai en Serramoura?

-Daniel acaba de chegar a Serramoura con Aurora, a súa muller, e é novo capataz de Evaristo. Ata o que puidemos ver, polo de agora son unha parella cun sorriso case de anuncio, son xente agradable aos que calquera podería convidar a pasar uns días na súa casa, como fixo un ser tan encantador como Evaristo [ri].

-Xa que menciona o seu xefe, que pode contar da súa relación con Evaristo?

-No que vimos nos episodios anteriores foi unha relación perfecta entre un xefe e un empregado eficiente. Semella que se entenden, pero estamos empezando a ver que Evaristo ten algún interese enfrontado con Daniel e, cando iso é así, cando as relación non son plenamente frontais, pode que teña lugar un conflito serio. Non podemos desvelar nada, pero seguro que a audiencia pode intuír por onde van os tiros [ri].

-Para a preparación do personaxe tivo en conta a súa faceta profesional como cuadrilleiro?

-Por suposto. Eu son dunha aldea e toda a vida tiven preto a xente que traballou no monte, e é algo que me resulta próximo.

-Que supón para vostede estar en «Serramoura»?

-Eu nese aspecto diría que estar en Serramoura é un pracer. É un éxito televisivo e iso sempre é unha alegría, porque ficcións coma esta son as que enchen de vida o tecido audiovisual galego. No plano particular do meu traballo, en Serramoura é un gusto facer a un personaxe como Daniel, porque é un home que vive en continuo risco. A min o que máis me gusta de actuar é que os personaxes teñan risco e non atacar directamente ao resultado. 

-Podemos velo tanto no teatro coma no cine e na televisión. Hai moita diferenza entre os diferentes xéneros?

-É distinto dirixirte a un teatro con trescentas persoas, que poden chegar a estar a vinte e cinco metros na última fila, a falarlle a unha cámara que te sente a menos dun metro dos teus ollos. Esa é a diferenza, a parte onde tes que adaptar a enerxía ao medio. O resto para min é exactamente igual. Penso que non se nos pode esixir que acertemos en tódalas propostas que facemos, pero é obriga que nola xoguemos en todas e cada unha delas. Os personaxes deben ter moito que perder que o converta en moito polo que pelexar.

O CAPÍTULO DE HOXE

TVG, 22.30

Roi Quiroga reabre o caso dun crime

Esta noite o sarxento Roi Quiroga reabrirá un dos primeiros casos que levou Tomás en Serramoura para pechar a investigación de forma definitiva. Trala súa mala experiencia con César, Marga ten como obxectivo atopar o misterioso home que a salvou de morrer asasinada. Por outra banda, Santos e Teresa organizan un plan para desfacerse de Pancho desde dentro da organización.