Antonio Mourelos: «En Serramoura seguimos coa mesma ilusión»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Antonio Mourelos encarna ao carismático cacique de «Serramoura»
Antonio Mourelos encarna ao carismático cacique de «Serramoura»

«Evaristo é un dos personaxes máis cómodos que fixen na miña historia», di Antonio Mourelos

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Mourelos interpreta a Evaristo Fiúza, o cacique de Serramoura que volverá sorprender aos seguidores da serie no novo episodio que hoxe emite TVG (22.25 horas).  

-Esta noite os espectadores poden gozar dun novo episodio. Queda moita «Serramoura»?

-Queda toda a Serramoura que os espectadores queiran, porque historias para contar hai mil e unha. A nós sóbrannos cousas que contar.

-Evaristo é un dos personaxes máis icónicos. Cales son os retos aos que os guionistas o someten?

-Posiblemente Evaristo é un dos personaxes máis cómodos que fixen na miña historia audiovisual. Para min, todo o que lle pasou a Evaristo é perfectamente crible e nunca houbo nada que non soubese cómo afrontar. Todo o que lle pasa está escrito con moita lóxica e, sendo un personaxe extremo, é moi coherente e é como é. Evoluciona segundo as circunstancias, coma na vida mesma.

-Que lle falta por vivir a Evaristo?

-Creo que Evaristo fixo moitas cousas, e as que non fixo non me gustaría que as fixese [ri]. Nese sentido sei que en cada temporada vai vivir algo novo e vai sorprender. Teño a sorte de ter tramas moi bonitas e activas, e de traballar con compañeiras e compañeiros fantásticos. Evaristo é un agasallo para min.

-«Serramoura» sempre se sitúa na listaxe dos contidos máis vistos do «prime time» dos domingos. Onde reside o seu éxito?

-O éxito de Serramoura está constituído por varios factores. Por un lado está precisamente nos guións e nas historias, que son moi atractivas. Tamén creo que o reparto está moi ben axustado, é dicir, os personaxes están adecuados aos actores e ás actrices que os interpretan. Tamén creo que outro éxito radica en que, a pesar de levar case cinco anos, seguimos sorprendéndonos cun guión, seguimos coa mesma intensidade e coas mesmas ganas de traballar que ao principio, e mantemos a ilusión por seguir contando cousas.

-Televisión de Galicia é unha das poucas canles autonómicas que producen ficción propia. Que importancia ten isto para o audiovisual galego?

-Televisión de Galicia xoga un papel fundamental como locomotora do audiovisual de Galicia. Non tería que ser a única, pero si unha das máis potentes. Todo o éxito do audiovisual galego parte do impulso da TVG.

TVG, 22:25 HORAS

Marga e Roi buscan o asasino da Roxa

Esta noite, a partir das 22.25 horas, os sarxentos Neira e Quiroga traballarán para resolver o novo homicidio. Despois de atopar o corpo da Roxa, no cuartel sospeitan que o suceso tamén ten relación co caso de Adela, pero para avanzar coa investigación terán que atopar a vinculación entre as vítimas. Pola súa banda, a organización criminal de Pancho non obtén os ingresos prometidos, polo que este necesitará recuperar a autoridade.