Sabela Arán: «'Viradeira' é moi de mulleres»

A actriz que encarna a Carmela na serie da TVG recoñece que no seu día a día é de facer rir, incluso de «facer un pouco o parvo»


Sabela Arán (Santiago de Compostela, 1987) é calquera cousa menos diva. Pode que algún día o sexa, pero non o parece. Ten unha conversa fácil e rápida que pode semellar crúa nalgún intre, aínda que sempre convincente. Coa súa creación de Carmela en Viradeira, a serie que se emite todos os domingos na TVG, afronta o seu primeiro papel protagonista. Non hai que ser moi listo para supoñer que non será o último.

-Que tal en «Viradeira»?

-Moi ben. Como actriz é un risco maior porque é un papel protagonista, e trátase dun xénero diferente. Están sendo xornadas longas de gravación e logo de estudar para o día seguinte. Pero estou moi contenta.

-É máis difícil a comedia?

-Sempre se dixo que é máis fácil facer chorar que facer rir, aínda que o meu personaxe rebaixa un pouco o humor. É que estar arriba setenta minutos é moi difícil.

-Na vida normal é máis ben seria ou máis ben bromista?

-Son máis de facer rir. Rir é fundamental e eu son incluso de facer un pouco o parvo. Tiro moito de ironía, de sarcasmo.

-Vostede é de Santiago, non ten aldea.

-Como que non? Portosín é a miña aldea!

-Non lle custou entón entrar no papel de Carmela.

-Claro. Os de fóra son os de fóra sempre, sobre todo cando nun sitio pequeno de súpeto chegan estes modernos cun concepto da vida diferente. E neste caso agrávase porque os de fóra queren levar algo que os da vila reclaman como deles.

-Tamén hai unha aposta pola aventura.

-Efectivamente. En Galicia houbo moitas series que falaban do mar pero non o vías. Aquí estamos dentro do mar. E tamén é unha serie moi de mulleres. Están moi determinadas: a clásica de aldea que o sabe todo, outra co seu negocio que é moi botada para adiante e manda sobre o seu home; outra máis que exerce de cacique... Hai moitas mulleres e todas con moitísimo peso.

-E vostede, é aventureira na vida?

-Teño un punto. Antes era de planealo todo, pero co tempo improviso máis; arrisco un pouco.

-Na serie cociña moito e ben. Tamén o fai na vida real?

-Si, si. Na cociña gozo. Estiven seis anos en Madrid e tiven que espelirme para comer ben.

-Estará ao tanto dos escándalos na industria sobre o acoso sexual. Vostede sufriuno?

-Desgraciadamente é algo que pode ocorrer en calquera profesión. O abuso de poder por un lado e a inxenuidade polo outro poden levar a situacións nas que se traspase unha liña que non debe cruzarse. Persoalmente nunca me vin nunha desas, aínda que nos meus inicios, en Madrid, si vivín algunha situación incómoda que cortei de raíz.

-Que lle gusta facer no seu tempo libre?

-O cine apaixóname. E tamén son afeccionada aos videoxogos. Os de disparar, son moi shooter. Dende pequena. A verdade é que me gusta moito disparar. En Serramoura tiven que facelo cunha escopeta. Gustoume.

-Cal é a súa vocación secreta?

-A criminoloxía, e estiven a punto de estudala aquí, en Santiago. Pero valorei se me ía servir de algo e non o fixen. Interésanme tamén os efectos especiais, a maquillaxe. E iso pode que si que o faga.

-Canto pagaría por un bolso?

-Non son nada fetichista dos bolsos. Quizais por outra prenda como un abrigo, pero non por un bolso.

-Que carteis tiña no cuarto?

-Tiña trece [enumera 13 carteis de películas que van de Scarface a A laranxa mecánica, pasando por Os Goonies e O Padriño].

-Vívese mellor sendo guapa?

-Eu considero que son normal e que me sei explotar. Pero penso que ser guapa ten puntos a favor e outros en contra. Hai prexuízos, xente que pensa que estás aí por ser guapa e non polos teus méritos.

-Dígame unha manía?

-Deletrear en inglés os letreiros. Fágoo tanto que chega un momento en que me resulta máis sinxelo facelo en inglés que en galego ou en castelán.

-Que foi a derradeira cousa que mercou?

-Uns pendentes.

-Que pon para durmir?

-Un pixama ou camisetas de rock. De Lenny Kravitz, de Extremoduro... Tamén teño un pixama de bruxas Disney. Busco a comodidade.

-Que diría que fai mal?

-Hummm... Ás veces son moi obsesiva, no sentido de que se as cousas non saen como deben saír, síntome mal.

-E fai ben...

-Coidar dos meus.

-Un verso.

-«Los lobos hacen jauría, que es poesía de voracidad». É dunha canción de Bunbury.

-Pois agora unha canción para a «playlist».

-Starman, de David Bowie.

-Que é o máis importante na vida?

-A familia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Sabela Arán: «'Viradeira' é moi de mulleres»