«Aínda queda moita 'Serramoura'»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Fran Paredes avanza que nos próximos episodios haberá novos personaxes e complicaranse as tramas.
Fran Paredes avanza que nos próximos episodios haberá novos personaxes e complicaranse as tramas.

«Algo me facía sospeitar de min en cada capítulo», afirma Fran Paredes

14 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Gonzalo Soutelo é o criminal máis buscado da Televisión de Galicia, o asasino de Mónica Triáns. O propietario do serradoiro de Serramoura desvelouse no último episodio como o autor do crime que ten pendentes do televisor aos espectadores galegos e que a semana pasada lle outorgou á serie de Voz Audiovisual o seu récord de audiencia con 215.000 espectadores (18,5 % de cota). O actor que o encarna é o moañés Fran Paredes.

-Co boa persoa que parecía e resultou ser vostede o asasino.

-Pois si, parece que si...

-A expectación polo descubrimento levou á serie ao seu récord de audiencia o pasado domingo...

-Tiñamos moitas esperanzas postas neste episodio, porque era cando se desvelaba o asasino e acabamos contentísimos. Superou incluso ao primeiro capítulo, que xa fora moi bo.

-Para os espectadores foi unha sorpresa o xiro que da o seu personaxe. ¿O foi tamén para vostede?

-A min déronme a noticia antes de lelo. Ningún dos actores sabíamos quen era o asasino, porque íamos recibindo os guións episodio a episodio e tiñamos as mesmas suposicións, sospeitas e elucubracións que calquera dos espectadores que poida estar vendo Serramoura. Chegado o momento no que había que dicirllo a quen lle tocaba, chamáronme aparte un día ao acabar a gravación e dixéronme que me tocara a min.

-¿O esperaba?

-Desde que lin a descrición do personaxe para as probas xa me pareceu que era un personaxe que escondía algo, como todos en Serramoura, por outra banda, xa que todos teñen o seu pasado e seu futuro turbio. Pero unha vez que empezamos coas gravacións, a medida que ía lendo os guións, sempre atopaba algo en cada episodio que me facía sospeitar de min. Eu xa andaba coa mosca detrás da orella. No episodio dous, o da caixa que atopa a miña nai; no episodio catro, a paliza que lle pego ao pirómano; no número cinco, o da cazadora do clube de motoristas. E eu só pensaba en que non quería que fose eu, porque igual se me acababa a participación na serie se o meu personaxe xa non seguía. Pero, por outra banda, tamén pensaba que sería un puntazo que fora eu.

-Pero a participación de Gonzalo non acaba aquí. ¿Que lle espera agora ao personaxe?

-Aínda queda moita Serramoura por diante. E con respecto a Gonzalo o que lle queda é primeiro que se probe que foi el; segundo, se iso se proba, queda que o collan; e terceiro, se o collen, hai que ver que pode pasar con el. Faltan moitos episodios nos que van entrar novas tramas e novos personaxes. Aínda queda moita vida e moita morte.

-¿Que supón o personaxe de Gonzalo para vostede como actor?

-Para min é un caramelo de personaxe. Eu levo moitos anos como actor, aínda que fundamentalmente en teatro. Levo feitas cousas puntuais no audiovisual en episódicos de varias series ou papeis pequeniños no cine e isto de pronto ábreme todo un campo. Estáseme empezando a coñecer máis. É un punto de partida moi importante que, ademais, me chega nun momento persoal excelente. Levaba desde o 2011 facendo só cousas de pequeno formato e agora están chegando moitísimas propostas.

-¿Que diferenzas atopa entre o teatro e o audiovisual?

-Despois de descubrir o audiovisual, síntome moi cómodo nel. Os códigos son moi diferentes, pero a esencia é a mesma. A miña bagaxe teatral axudoume moito e chegar aí foi unha sorpresa.

-¿Onde cre que reside o éxito de «Serramoura»?

-É o propio formato da serie, o feito de que haxa un asasinato no primeiro episodio, que todo o mundo sexa sospeitoso e o espectador teña que ir enfiando a información que ten. Foi un acerto moi grande dos guionistas.

fran paredes actor