A serie Para mariñeiros, nós naceu na pantalla da man de V Televisión e agora cumpre a súa cuarta temporada con novos capítulos ambientados no mar e a Costa da Morte. Ademais de escribir o guión, o actor Suso Lista encarna a Pinto, singular parella de Cobiñas nesta serie. No capítulo de hoxe (21.40 horas), os dous mariñeiros faranse bandoleiros.
-¿Que ofrece a nova temporada?
-A serie foi ganando conforme fomos collendo experiencia, porque nos viñamos de estar facendo cortos en Internet e tivemos que poñernos a traballar de xeito frenético. Agora, na rodaxe da cuarta temporada, xa todo funcionaba de marabilla.
-¿Como son as novas tramas?
-Algunhas das tramas desta temporada son desternillantes. A serie está ambientada no mar de Galicia e no mar universal porque a vida no mar é idéntica en todas partes. Narran o día a día nun pobo da costa e teñen a mesma actualidade que terán dentro de cen anos, porque tratan da vida e a morte, os asuntos que preocupan sempre ao home.
-¿Como vai o seu personaxe, Pinto?
-Segue sendo el mesmo, un revolucionario resignado, e segue enfrontado co mundo coa ilusión e a alegría de seguir vivo. Nesta temporada participarán personaxes coñecidos como Santi Romay, Quico Cadaval ou Tonhito de Poi, entre outros, que bordan os seus personaxes. É algo digno de ver.
-Nunha época a serie foi unha tira cómica diaria. ¿Que lle acae mellor, aquel formato ou o capítulo semanal?
-Penso que o capítulo semanal está moi ben e para o espectador pode resultar máis doado ubicalo, aínda que eu sei de moita xente que estaba encantada de seguilo todos os días.
-Rematada a rodaxe, ¿a que se dedica agora?
-Á espera de ver se facemos unha nova temporada, temos o proxecto dun documental no que TVE está interesada, pero buscamos un patrocinador. Ademais, estou intentando publicar os meus microrrelatos, ambientados na Costa da Morte e moi doados de ler. Moitos están baseados en feitos reais que son os máis inverosímiles de todos.
-¿Que ten a Costa da Morte como escenario de ficción?
-Teno todo. A Costa da Morte é un gran plató, un gran Cinecittá, pero vivo. Dalí dicía que o ultralocal é o máis universal, porque no que atinxe ás relacións humanas da igual que esteas en Corea, Lagos ou Nova York. O medo á morte e á vida, o amor, todo é parte da condición humana. No Costa da Morte seguen vivas as tradicións e a modernidade, e xa non digamos as paisaxes, as furnas, os cantís...
suso lista actor que dÁ vida a pinto en «para mariñeiros, nós»