O musical «V Clips» cumpre hoxe douscentos programas

redacción / la voz < / span>

TELEVISIÓN

Clips

En dous anos, o espazo leva programados máis de trescentos videoclips galegos de grupos locais

15 sep 2012 . Actualizado a las 11:10 h.

O programa V Clips, de V Televisión está de aniversario. Hoxe, ás dez da mañá, o espazo emitirá o seu capítulo número douscentos. O formato naceu en maio do 2010, coincidindo co lanzamento desta xoven cadea galega, o que supón que sexa un dos programas máis lonxevos de V Televisión.

V Clips creouse cunha filosofía moi clara: a de potenciar aos artistas, músicos e creadores galegos a través dos videoclips que acompañan á súa música. Deste xeito, agás excepcións de algunhas actuacións internacionais que se producen na comunidade, V Clips só programa videoclips galegos de bandas de aquí.

Ao longo destes dous anos e douscentos programas, V Clips ten programado máis de trescentos videoclips galegos e entrevistou a outros tantos grupos autóctonos.

Rock, pop, hip hop, blues, funk, folk, electrónica, heavy, canción de autor... en Galicia pódense atopar bandas en cada un deses estilos. O programa é a única plataforma televisiva na nosa comunidade que promociona a música galega. Ademais, tamén exerce de dinamizador do panorama, xa que moitos dos grupos atrevéronse co seu primeiro traballo audiovisual sabendo que sería promocionado e dado a coñecer en V Televisión.

A emisión número douscentos estará composta por unha selección de videoclips galegos e tamén de algúns artistas internacionais que foron entrevistados no programa. V Clips confirma que a escea musical galega está en plena forma, en constante crecemento e proxección nacional e incluso internacional.

Os interesados en coñecer as últimas novidades do programa ou en poñerse en contacto cos seus responsables para o envío dun videoclip teñen á súa disposición o facebook do espazo e o correo electrónico vclips@vtelevision.es.