A actriz fala do seu papel como «entrañable» e «tenro»
14 mar 2012 . Actualizado a las 14:05 h.O personaxe que interpreta Ana Santos en Padre Casares podía ser a protagonista dunha canción de amor, a condición de que fose inxenua. Elsa confía tanto nas súas ovellas como nas persoas.
-¿Que é o que define a Elsa segundo a actriz que lle dá vida?
-Eu diría antes que nada que é unha persoa entrañable, moi tenra. É pastora, quere ás súas ovellas. Tamén é beata e busca por riba de todo un amor.
-Pero iso de confiar máis nas ovellas que nas persoas ¿de onde lle vén?
-Ten unha relación de confianza total coas ovellas. Absoluta. Está con elas para todo. Fala con elas, cóntalles a súa vida. En certo modo, substitúen a algunhas persoas na súa vida. Ela pensa que os animais non fallan e as persoas, depende. Pero tampouco diría que ela desconfía das persoas. Ela ama a todos os habitantes de Louredo, ama a Moncha, que é a súa amiga íntima. Non desconfía da xente, ao contrario, é bastante cándida, incluso eu creo que confía na xente máis da conta.
-¿Nese amor está incluído Sindo?
-Ela necesita un amor, chámese como se chame. Debido ás súas calidades, tanto para ben como para mal, ela identifícase con Sindo. Pero como é o home doutra muller e ela é como é, nunca se lle ocorrería tentar quitarlle o home a outra muller e moito menos en Louredo, entre os veciños.
-¿Como explica ela esa atracción?
-Se lle preguntasen por esa atracción ela diría que Sindo a provoca. Que as calidades atractivas de Sindo a están provocando. Sería a súa versión dos feitos. Pero ela, polo seu xeito de ser, non pode romper unha familia e tampouco quere.
-¿Ten referentes para ese personaxe?
-A miña maneira de traballar é buscar primeiro como enfocar o personaxe, ver que sinto eu e facer a partir de aí. Cando me deron o primeiro guion foi cando me enterei que ía ter que interpretala eu. Fixemos unha lectura entre todos e eu fixen un esbozo de como era para min Elsa e desde aquela fun traballando nese sentido. O que me encandila dela é a súa candidez. É tan cándida que me resulta encantadora. Seguín sempre por esa liña. As referencias de fóra, da xente que se pode asemellar a ela son máis ben referentes para ver se vou polo bo camiño.
-¿Entón hai sempre un fondo de realidade?
-Os personaxes da serie son caricaturas. Teñen un fondo de realidade e teñen a esaxeración da comedia. Os personaxes de Padre Casares son como personaxes de cómic. Pero na serie, como nos cómic, o que se lles pide aos personaxes non é que se parezan á realidade, pero teñen que ter sempre algunha identificación con ela.
-¿Os espectadores identifícana a vostede con Elsa?
-Pásame algo curioso. A xente aínda me chama Pitusa, o personaxe que interpretaba en Mareas vivas. En moitos casos igual é que non saben o meu nome auténtico. Pero logo, cando me falan do personaxe, aínda que me chamen Pitusa fálanme de Elsa. Algúns si que me chaman Elsa e outros tamén polo meu nome. É máis raro, en cambio, que lembren de Leocadia, o papel que fixen en As leis de Celavella.