Os inclasificables de «V Clips»

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

O programa empeza o ano cos vídeos máis raros dos seus primeiros meses de emisión

03 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.

Que ninguén se asuste, aínda que poida haber motivo. Durante as últimas semanas do ano, V Clips, o espazo diario dos artistas galegos en V Televisión, protagonizou a súa particular conta atrás ata desvelar o que, para o equipo do programa, foron os 30 mellores vídeos galegos do 2010. Agora, para empezar o 2011, o criterio cambia por completo. A primeira semana do ano estará protagonizada polos V Freaks, os vídeos raros, bizarros ou, simplemente, inclasificables, emitidos durante os primeiros meses de vida do programa.

Freaks foi a película de Tod Browning que abriu un camiño que continuaron Big Fish ou Carnivale. Freaks eran tamén os activistas underground que serviron de nexo político entre os hippies e o punk. Friki é un personaxe extravagante ou fanático. Unha palabra con moitas variantes, de aí que os clips elixidos fórano por motivos ben diferentes.

Hai casos que entrarían sen discusión na acepción máis estendida de friki . Como o de A de Atraso, nome de guerra de Armando, un dos creadores da páxina web Opachavales.com, convertida xa en todo un referente do underground galego.

Tamén adscribiríamos a esta corrente o Lloutube dos cáseque adolescentes Membrillo Fanegas, procedentes de Fene, un dos centros neurálxicos do frikismo. De alí son tamén Roger de Flor, a quen atoparemos convertido nun trasunto de Sinatra ferrolán, ou Los Tigres del Cañotas (río que desemboca na antiga Astano) e o seu particular «rock erótico».

Entre os inclasificables, destaca por mérito propio Manos de Topo, o combo galaico-barcelonés que só pode xerar fobias ou filias, e que fai de cada clip toda unha declaración de intencións... estética, alomenos. Mentres, Xan Solo podería ser un Javier Krahe que se tomase aínda menos en serio, pero co aplomo do que conta verdades transcendentes.

Récord Guinness

Un caso aparte é o de José Carballido e o seu Réquiem, unha obra conceptual composta para coro clásico e banda de rock progresivo con letras en castelán e alemán na que atopamos contrapunto, harmonía funcional, atonalidade... e un virtuosismo similar ao que ofrece nos seus vídeos de YouTube Javier Marval, un dos músicos da Olympus que bateron o Guinness de permanencia sobre o escenario e que presenta disco en solitario. Onda eles, faise oco La Comandancia, convencidos de que o Miño desemboca en La Habana , puxéronlle música ás andanzas con «prestitutas» do xa lendario Xosé Tojeiro. E tantos outros que quedan fóra, non por iso menos freaks ... ou inclasificables.