Guzmán queda só en «Ata a cociña»

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

O cociñeiro inicia hoxe, ás 13.35 horas, unha nova etapa sen convidados no programa

27 sep 2010 . Actualizado a las 02:41 h.

Desde hoxe, Dani Guzmán presentará só Ata a cociña, o espazo de gastronomía que V Televisión emite diariamente ás 13.35 horas. Desde a súa estrea, o pasado mes de xuño, sesenta convidados -persoeiros coñecidos do mundo da televisión, do cine e o deporte- propuxéronlle a Guzmán retos que tiña que afrontar. Receitas clásicas as que o cociñeiro de V Televisión lles daba un toque persoal.

Desde hoxe, o programa modifica lixeiramente a súa estrutura. Guzmán seguirá cociñando por encargo, pero neste caso serán os espectadores do programa os que lle proporán pratos para elaborar e poderán facelo no enderezo electrónico www.ataacocina@vtelevision.es

O espazo, da produtora Telefábrica para V Televisión, terá nesta etapa unha nova sección, Boas maneiras , na que se darán consellos moi útiles para comportarse correctamente nunha mesa.

Dani Guzmán seguirá tamén elaborando cócteles sen alcol no remate do programa. En cambio, desaparece a sección de trucos coa que se iniciou este programa gastronómico.

Dani Guzmán afronta hoxe esta nova etapa elaborando unhas luras pequenas recheas con verdura á grella e caviar de ourizo, un prato máis sinxelo de facer do que parece. Ofrecerá tamén unha receita para sorprender, cun ciclón tropical, un combinado composto basicamente de pomelo e piña.

Xa o martes, Guzmán preparará outro prato proposto polos seguidores do programa: unha sopa medieval e polo con cervexa. Para a metade da semana, o cociñero ten en carteira un puré duquesa con bastóns de cabaciña e langostinos.

Para o xoves e o venres, outras dúas novas propostas: unha salada de ventresca con salsa de iogur e xenxibre e unha sopa fría e caviar de xamón, que o cociñeiro recomenda para tomala tras unha dura noite de festa. Ata a cociña é un dos programas que naceu coa nova canle dos galegos, V Televisión, e que trata de ofrecer ao espectador receitas variadas cun toque de modernidade, aínda que fáciles de elaborar.