«Galego con curso» chega ao final da súa segunda entrega. Hoxe a profesora elixe quen son os dous finalistas e o resto de concursantes deciden ao gañador
27 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Galego con curso
chega hoxe (20.05 horas) ao remate da súa segunda entrega. Nesta quenda participaron outros seis alumnos, catro mulleres e dous homes, na edición con máis compoñente de reality deste espazo, que pretende achegar ao espectador coñecementos lingüísticos dun xeito entretido.
Neste último, Cecilia, Rosa, Luisa, Carmen, Carlos e Roberto buscan a recompensa, despois de vinte días de intensas clases nas que se achegaron ás distintas situacións comunicativas cotiás: desde ir a un salón de peiteado, aprender léxico de primeiros auxilios, ata cantar e bailar como cando eran nenos. Foi unha estratexia buscada pola profesora, Sandra Faginas, que pretendía rachar coa monotonía que se espera dunha clase ao tempo que perdesen o medo ao ridículo, indispensable para aprender unha lingua.
Nesta edición os alumnos tamén aprenderon os compoñentes propios dun programa de telerrealidade, mesmo con momentos de tensión entre os alumnos. Cecilia e Rosa chegaron a confesar á cámara que pensaban que algún dos compañeiros tiña un plan para facerse co premio final. «Alguén sabe máis galego do que parece», expresou Rosa nas primeiras clases desta entrega.
A profesora, Sandra Faginas, decidiu intervir, para que non se confundisen de programa, e advertiunos de que ese tipo de situacións eran facilmente detectables: ninguén pasa a dominar un idioma en dous días e o mellor exemplo está nas escenas espontáneas que se ven acotío nas clases. Con esta tensión inicial os alumnos decidiron aplicarse nos exercicios didácticos e evolucionaron na súa aprendizaxe, un dos obxectivos básicos de Galego con curso .
Todos avanzaron no seu coñecemento da lingua desde que comezaron esta experiencia televisiva. Non deixa de chamar a atención a soltura coa que se desenvolven, a día de hoxe, Roberto, o concursante nicaraguano, ou Carlos, de procedencia mallorquina, quen compiten coa sabedoría de Cecilia, que parte como favorita. Carmen tamén abandonou os seus complexos iniciais de quen sabe falar a lingua pero erra na ortografía. As clases, xunto a estes compañeiros, servíronlle para ter máis confianza en si mesma.
No programa de hoxe os espectadores de V Televisión resolverán todas as súas dúbidas e verán se é máis avaliado pola profesora o esforzo dos alumnos ou o coñecemento de galego. Sandra Faginas elixe aos finalistas, pero son os propios alumnos quen deciden o segundo gañador deste espazo.