A cadea da Corporación Voz dálle unha oportunidade a novos valores das artes que mostrarán os seus traballos nun programa de emisión semanal na TDT, cuxo primeiro capítulo xa se estreou na páxina web
25 may 2010 . Actualizado a las 13:55 h.Ninguén dubida do potencial artístico que teñen os galegos. Xente nova con ideas, capacidade para facer cousas e transcender. V Televisión quere dar unha oportunidade a estes novos creadores para mostrar os seus traballos. É en Xente emerxente , un programa semanal que terá varias redifusións na grella de V Televisión e cuxa primeira entrega xa se pode visionar na páxina web vtelevisión.es. A súa estrea na TDT e en R será o vindeiro luns, a partir das 9.05 horas. Tras a primeira semana, estará na programación da cadea todos os mércores ás 23.00 horas. Xente emerxente é a translación audiovisual dunha idea que xurdiu hai dous anos na redacción de La Voz de Galicia en Vigo. Dende alí, pensouse en facer unha serie co obxectivo de que unha xeración de xente nova e inqueda contase cunha nova canle de expresión. O tema tivo impacto, cobrou dimensión e medrou. Había moitos artistas interesantes que só buscaban a alguén que os escoitase e atoparon en lavoz. es un portal para mostrar o que estaban facendo. Incluso dous deles, Sax e Antony, converteron unha parede da garaxe da delegación do xornal nunha obra de arte baseada en Lauryn Hill. Foi para celebrar o primeiro ano desta iniciativa. Os emerxentes tamén chegaron ao xornal e á Radio Voz. En Vigo e en Ferrol publícanse seccións semanais que recollen o que fan artistas variados, que buscan formas de vida demostrando a súa creatividade. E o fan desde decorando zapatillas deportivas ata pinchando música nos clubs más concorridos. Agora, todos teñen outro canle máis de difusión para mostrar os seus valores artísticos. Xente emerxente é un programa de produción propia de V Televisión, no que colaboran xornalistas de La Voz que están, desde o inicio, neste proxecto.