No Día Mundial do Voluntariado, unha gala conmemorou na TVG os cinco anos do naufraxio do «Prestige»
07 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Hai cinco anos, máis de 50.000 voluntarios achegáronse ás nosas praias para limpar o chapapote vomitado polo Prestige. Non hai galego que o esqueza, tampouco quenes o pagaron nas urnas un tempo despois, e mesmo quenes se solidarizaron sen estar sobre a area e as rochas, ou sen facerse visibles en Nunca Mais.
Desde a Vicepresidencia da Xunta de Galicia e da súa dirección xeral de Xuventude e Solidariedade, promoveuse a gala Mar de Mans, que a Televisión de Galicia emitiu antonte (gravouse en Pontevedra días atrás) coincidindo co Día Mundial do Voluntariado.
Hai unha máxima televisiva que di que unha gala é unha gala, ou para entendernos: en galas todo está inventado. E a non ser que o realizador tolee coas cámaras, o presentador/presentadora faga o pino no escenario e os guionistas teñan complexos de Pirandello, insisto, unha gala sempre será unha gala.
Mar de Mans contou con unha coidada escolla de músicos e cantantes (Uxía Senlle, Marfil, Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Toñito de Poi, Coti, Ismael Serrano, Kiko Veneno e Raimundo Amador, Carmen París, Xurxo Souto e Pulpiño Viascon, Manecas Costa, Narf e Víctor Coyote), co engadido de duetos e un fin de festa con parte deles coreando o Volando voy (derivando a Voando vou) baixo a batuta de Kiko Veneno e Raimundo Amador.
Premios Solidariedade
Como era esperable, o actor Carlos Blanco foi o perfecto anfitrión. Tratábase de recoñecer cos premios Solidariedade de Galiza á xente do mar, ao conxunto de voluntarios e colectivos ecoloxistas e, en xeral, a toda a sociedade mobilizada contra a marea negra.
Recolléronos a confraría de Cangas, os representantes de Adega e o actor Manuel Lourenzo en nome de tódolos galegos. Numerosas testemuñas gravadas completaron o programa.
Todo ben. Pero a festa sería rotunda de terse pulido algunhas cousas. Para quenes seguimos a emisión televisiva, quedou unha certa sensación de ausencias.
Quizais deberan estar no pazo pontevedrés (e tamén sobre o escenario) por ficar en primeira liña e ser solidarios co país, outros axentes políticos e sociais daqueles días, medios de comunicación, xornalistas, intelectuais... Algo falla cando non se repara niso. Unha última (boa) cousa: a Galega domina iso de emitir galas. Soa a obvio, pero nunca sobra.