Os avós protagonizan «Doa a Doa», o novo programa de TVG

María Rial

TELEVISIÓN

A autonómica estrea esta noite un espazo cultural pensado para continuar coa tradición oral galega

30 sep 2007 . Actualizado a las 02:11 h.

Televisión de Galicia estrea un novo programa para as noites dos domingos. Hoxe ás 21.30 horas comeza Doa a Doa, unha serie pensada para continuar coa tradición oral galega. Historias coñecidas por todos, que xeralmente contan os avós, converteranse na esencia do espazo cultural. Unha riqueza histórica que se está a esquecer e da que é necesario conservar a memoria.

Os protagonistas de cada un dos capítulos son persoas maiores, todas elas nacidas nos anos vinte, na era da ditadura de Primo de Rivera e que, sendo moi nenos, coñeceron a chegada da República e a Guerra Civil. Unha xeración que pasou unha vida de traballo e sacrificios. Cada un deles contará a súa vida única e irrepetible para que os espectadores de TVG se sintan netos por uns instantes.

A infancia, os xogos, a escola, o primeiro bico, a medicina, a relixión ou a sexualidade son algúns dos temas que se tratan ao longo das 27 entregas de apenas doce minutos nas que o público galego fará unha viaxe ao pasado para saber como se vivía a finais dos anos vinte e principios dos trinta.

As testemuñas de Doa a Doa son avós e avoas anónimos que, dalgún xeito, se converten en aqueles antepasados que moitos non chegaron a coñecer.... Ademais, en cada capítulo inclúese unha testemuña dun maior ilustre, personalidades representativas da vida galega, cunha voz viva que ten un valor singular.

O músico Xosé Manuel Seivane, os galeguistas Fernández del Riego, Alonso Montero, Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, a pedagoga Antía Cal, o deportista Arsenio Iglesias, a poetisa María del Carmen Kruckemberg, o bispo Cerviño ou o ex presidente da Xunta Gerardo Fernández Albor son algunhas das caras coñecidas que relatan historias da súa infancia e adolescencia, mesturados con campesiños, mariñeiros, mestres, amas de casa, emigrantes ou exiliados.

Esta tempada, TVG aposta forte polos espazos culturais. Esta noite tamén regresa á canle autonómica o programa documental presentado por Xosé Barato, Historias de Galicia. Dirixido por Xosé Manuel Vega, o espazo ten por obxecto divulgar os feitos que configuraron ao longo dos séculos a realidade material, económica, política, social e cultural do país.

«Historias de Galicia»

O novo curso comeza con Son das armas, un documento que se remonta ao 16 agosto do 2005, cando dez soldados galegos morrían en Afganistán por accidente dun helicóptero militar que os transportaba, baixo o mandato da ONU.