O naronés acaba de rematar a gravación da próxima tempada de «A vida por diante» e de estrearse na gran pantalla
30 jul 2007 . Actualizado a las 02:00 h.redacción | O actor galego Xabier Deive (Narón, 1970) apareceu nalgúns episodios das series Mareas vivas e As leis de Celavella, pero a maioría dos espectadores de Televisión de Galicia o coñecerán polo seu personaxe en A vida por diante, na que interpreta a Eusebio Barreiro, o único supervivente do naufraxio do buque Santoña. «Eu fago persoas, non personaxes, e este señor é moi parecido a min e son quen de poñerme na súa pel, ao marxe de certos elementos. É un home rudo, un traballador do mar, pero tamén é tenro na súa relación con Renata», asegura o intérprete naronés.
Agora Deive, que como moitos outros da súa comarca fixo os seus primeiros pinitos sobre as táboas da man da Escuela de Teatro de Narón, acaba de estrearse no cine cun papel en El menor de los males, a primeira longametraxe de Voz Audiovisual, na que interpreta a un gardacostas dun político relevante.
-Non para de traballar, a próxima tempada aparecerá na pequena e na gran pantalla. ¿Como ve a situación actual do audiovisual galego?
-Non sei se é sostible, pero se están a facer moi bos produtos, froito dos 25 anos de audiovisual que hai en Galicia. Cando fun ao Festival de Málaga, á presentación da película, os de fora preguntaban: «¿Que pasa en Galicia?», e a verdade é que estamos en todos os caldos. Respecto ás series, a xente está alucinada de como podemos facer tantas cousas de tanta calidade.
-«A vida por diante» segue colleitando éxitos. ¿Sorprendido dos bos resultados?
-Ninguén sabía se ía callar entre os espectadores porque ao principio era un dramón con moitos choros. Pero a xente o que quere son bos produtos e esta serie está moi ben feita, creada dende a verdade. En Galicia, como en todas partes, gústanos o noso, é dicir, que narre historias que sexan próximas ás nosas vidas, non imitar cousas de fóra, para iso xa están produtos como House o Friends. En A vida por diante, os personaxes falan coma calquera de nós, aínda que cada vez acontecen cousas máis raras; é ficción, pero son próximas e cribles e iso chega.
-Acaban de rematar a gravación da próxima tempada. ¿Que lle pode anticipar aos fieis seguidores da serie?
-Que terá un pouco de cal e outro pouco de area. O personaxe de Aurora, por exemplo, case non se despegou do drama nas últimas entregas, pero tamén haberá un contrapunto cómico e de relax para o espectador.
-E vostede terá un fillo con Renata. ¿Ser pai na realidade axúdalle a interpretar o seu papel na ficción?
-Os recursos dun actor son a súa vida acumulada; exprésaste co que sabes na vida e por iso cos anos os actores son mellores, normalmente. Eu teño una nena de tres anos e Irene [a rapaza que interpreta a Ali] trátame coma un pai. Se eu fixese este papel hai cinco anos, estou seguro que non sería o mesmo.
-Agora que xa traballou nos dous medios, ¿que elixiría, cine ou televisión?
-Quédome cos bos personaxes, estean onde estean. Hai cine que é un bodrio e cine bo, e igual pasa coas series. Tamén fixen moitas curtas, gústanme moito a aprendizaxe do mundo da curta. O que quero é seguir traballando como ata agora e xubilarme vivindo da miña profesión.