Unha cama antes dos pesadelos

Camilo Franco

TELEVISIÓN

SANTI M. AMIL

MOSTRA DE RIBADAVIA

20 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A Mostra de Ribadavia tenta espertar ao espectador, pero hai espectáculos que buscan durmilos. Non porque sexan monótonos, senón porque o seu cometido é devolver ao público ao espazo máis habitado e menos intelectualizado da historia: a cama. Outros, pola contra, colocan ao público fronte á brutalidade da historia. Non deixan lugar para o soño. «Vamos a la cama que hay que descansar». Na escuridade hai dous tipos de ruídos. Os coñecidos son tranquilizadores e os descoñecidos son inquedantes. Por iso en La cama Teatro del Aire mete ao público nun dormitorio común de luxo, cos colchóns algo duros, e reconstrúe un ambiente sosegado, amniótico e illado, o lugar da cama. É unha perspectiva que tira a idílica, literaria no sentido lírico e chea dalgunhas palabras metaforizantes que un esquivaría na cama para encontrar mellores cousas que facer. Pero eliminado o prexuízo a durmir en público aludindo a cousas privadas, queda un ambiente simpático e algo inocente, un lugar para os sentidos entendido no sentido menos carnal da palabra. Non deixa de ser parodóxico que todo isto suceda no desclasado espazo do que foi igrexa da Madalena porque os soños, en caso de os haber, chegan en calquera lado. Millán Astray, presente. Despois do soños chegan os pesadelos. Este ten corpo de lexionario machacado pola puntería insurrecta. Un personaxe que de tanto encher a boca pronunciando a palabra España acabou adherido a ela. Cantando bajo las balas é unha biografía urxente de Millán Astray que desemboca no seu célebre enfrontamento verbal con Unamuno en Salamanca. Non tiven o desgusto de coñecer ao fundador da Legión, pero Adolfo Fernández manexa con soltura a brutalidade expresiva do xeneral, a retórica violenta da súa comunicación e, quizais o máis importante, o permanente resentimento agachado en case todas as súas decisións. A montaxe ten un sentido complementario: é violenta no seu centro e delicada na periferia. A periferia é todo un conxunto de elementos humanos polos que o protagonista se sente asediado baixo o seu uniforme de militar resucitado. O entorno é a música e a construción leve dos ambientes, algúns fantasmas da memoria por baixo do odio militar, pero sobre todo o entorno son os espectadores. Somos nós. Mostra de Ribadavia: «La cama» e «Cantando bajo las balas». Auditorio do Castelo. Mércores, 18.