A xeografía que non está nos mapas

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

TELEVISIÓN

Na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago conclúe hoxe o encontro de grupos de investigación de toda España que traballan sobre diferentes aspectos referidos ao estudo da represión durante a guerra civil española, que coinciden nos obxectivos aínda que os procedementos sexan distintos. Os investigadores que participan nestas xornadas, que se celebran baixo o título Historia e memoria, poñen en común proxectos que coinciden no mesmo ámbito de traballo e que presentan problemáticas semellantes, «porque a represión non coñece fronteiras provinciais nin de comunidades», como subliñan os coordinadores do encontro, Emilio Grandío Seoane e Lourenzo Fernández Prieto, organizado no marco do proxecto de investigación interuniversitario As vítimas, os nomes e as voces. A xeografía física da represión foi o tema dunha das mesas de debate celebradas onte, centrada nos mapas de fosas que se empeza a debuxar en todo o territorio do Estado, que nestes momentos ten delimitados 284 puntos, correspondentes a outras tantas fosas nas que se atoparon cadáveres de persoas asasinadas, axustizadas e en calquera caso enterradas na Guerra Civil e na ditadura sen identificar e sen que os familiares soubesen delas máis que por indicios e sospeitas que non podían confirmar legalmente. Un dos poñentes nesta mesa foi o médico forense ourensán Fernando Serrulla, que asegurou que hai un grupo de familiares que reclama saber onde están 2.267 desaparecidos nesta época. Indicou que en Galicia foron investigadas ata o de agora fosas en O Vicedo, Soutadouro, Villarrube e Valdoviño. No debate tamén interveu Gemma Simón, traballadora na Dirección Xeral da Memoria Democrática da Generalitat de Cataluña, que explicou que dispoñen dun censo de 1.800 familias catalás que solicitaron información dalgún dos seus membros. O estudoso galego Santiago Macías, membro da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, comentou o labor que desenvolven nestes momentos na exhumación de cadáveres na fosa central da Fonsagrada. José María Pedreño, do Foro por la Memoria, reclamou maior implicación estatal para formar equipos interdisciplinares que estuden «un pasado que existió».