| O |

14 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NUN debate mantido durante esta semana en Celanova como parte do curso Novos formatos, novas pantallas , con Françesc Escribano, director de TV3, e Suso Iglesias, director de TVG, xurdiu o espiñento tema do límite ao contido televisivo nun medio público e incluso nas privadas, máis relaxadas á hora de transgredir. Aínda recoñecendo o delicado do asunto, Escribano desvía a mirada ao espectador e para iso mostrou imaxes do polémico The Autopsy do singular doutor Gunther von Hagens (como un parente de Hannibal Lecker, tamén cualificado doutor, lembren), que a británica Channel 5 emitiu no 2002 con máis de seis millóns de audiencia. Pese a que a emisión provocou polémica, esa especie de infoshow con ínfulas artísticas estaba tratado con certa delicadeza e unha realización tan efectista como afectada. Había un precedente histórico: na Gran Bretaña eran moi populares as autopsias públicas no XVI, mesmo con teatros anatómicos en Londres. Regresando ao tema, o certo é que a clave está na nosa mirada de espectador voluntario con dúas defensas a man: zapear ou apagar a tele. Ver como dun cadáver se extraen as vísceras e se escorren por unha man, ou como aplican o bisturí a un fígado para trochalo como listo para a prancha, non é (e ven ao caso) prato de gusto para moitos mortais. Agora ben, se a mirada da cámara e a do espectador conflúen, non pasa nada. Pola súa parte, Iglesias apuntou tamén á propia sociedade, que moitas veces demostra estar moi pouco dotada na súa mirada ante determinados produtos televisivos como falsas noticias ou documentais amañados, lanzados on air sen máis, obviando o mínimo proceso de contraste que esixiría unha mirada adulta e ponderada.