Dúas obras optan ao sétimo Premio de Novela por Entregas de La Voz, que se falla mañá

La Voz LA VOZ | REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Mar de agosto, presentada baixo o pseudónimo Marta de Castromar, e Habitación 202, que corresponde á plica En Seril, son as obras finalistas do 7.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia, que se fallará mañá, xoves día 12, no transcurso dunha cea literaria que se desenvolverá nas instalacións do Museo Santiago Rey Fernández-Latorre, na súa sede do polígono de Sabón (Arteixo). Personalidades do mundo cultural procedentes de toda Galicia daranse cita na velada de entrega do premio que determina a novela que se publicará ao longo dos 31 días de agosto nas Páxinas literarias do xornal. Dotado con 6.000 euros, o premio leva aparellada tamén a publicación da novela na páxina web de La Voz de Galicia (www.lavozdegalicia.com). De forma paralela a este premio, que conta co patrocinio de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, La Voz publicará en agosto os relatos dos lectores seleccionados entre os centos de traballos recibidos (o prazo aínda está aberto deica o día 15), tanto na sección reservada aos menores de quince anos como ás persoas maiores desa idade. Nos últimos meses foron publicadas en libro as novelas que gañaron as dúas anteriores edicións -Acio sanguento, de Carlos Freire (Xerais), e Game over, de Santiago Lopo (Biblos)- que se suman a unha xa abondosa bibliografía que inclúe non só as obras gañadoras, senón tamén moitas das finalistas.