Todos os espazos con firma

Camilo Franco SANTIAGO

TELEVISIÓN

Crónica O CGAC abre este venres unha mostra que repasa a arquitectura en Galicia durante os últimos vinte e cinco anos, desde os proxectos construídos ata os frustrados

02 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?evelar cal é a cara da arquitectura contemporánea en Galicia é un dos obxectivos da exposición Avance dunha continxencia. Arquitectura contemporánea en Galicia . Este vindeiro venres inaugúrase a mostra en tres salas de Santiago de Compostela co núcleo no Centro Galego de Arte Contemporánea. A obra de arredor de 80 arquitectos é o centro argumental desta exposición formada con material audiovisual, gráfico, maquetas e montaxe para repasar de maneira exhaustiva todo o que a arquitectura contemporánea fixo e propuxo en e para Galicia desde 1980. O comezo desa década é, segundo os tres comisarios da mostra, David Chao, Rafael Lens e Verónica Santos, o momento en que se cambia a perspectiva na arquitectura en Galicia. Un cambio que ata esa data, segundo os comisarios, só se rexistrara de maneira illada en algúns arquitectos con proxectos que era «ensaios illados de innovación construtiva». Asomarse ao mundo Nos oitenta cambia a perspectiva política e a institucional, e Galicia comeza a asomarse ao mundo arquitectónico por medio dos proxectos encargados a autores foráneos e pola incorporación dos arquitectos galegos como autores recoñecidos tanto en obras públicas como privadas. Para os tres comisarios a mostra non reflexiona só sobre o carácter da arquitectura realizada en Galicia nos últimos 25 anos, se non tamén sobre o carácter de «non centro ou periferia» que ten o país e como inflúe na perspectiva sobre a arquitectura desde a sociedade, desde as institucións ou desde os profesionais e no desenvolvemento da mesma. Para os responsables da mostra, a proposta implica tamén unha revisión de comportamentos sociais, o peso do carácter territorial e tamén o fenómeno da trasnacionalidade que se propagou xusto no período que estuda esta exposición. A mostra ten en conta que a arquitectura non son só proxectos finalizados e por iso na mesma oferta están incluídas aquelas obras realizadas, que se exhibirán no CGAC, e que forman o núcleo principal. O segundo espazo estará destinado a contar os proxectos que na actualidade están en construción. Será en Zona C, a sala que o Concello de Santiago ten en Bonaval. O terceiro espazo arguméntase cos proxectos que puideron ser e non foron. O que non chegou a facerse poderase ver na sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, na Quintana. Con esta proposta, a obra de arquitectos que está en análise comprende nomes destacados da contemporaneidade, desde Norman Foster a Alfredo Freixedo, un catálogo de autores que foron traballando en Galicia no último cuarto de século. Da incorporación de foráneos da conta a presenza de Isozaki, Aldo Rossi, Jean Nouvel, Einsenman, Chipperfield, Mansilla, Tuñón, Vázquez Consuegra, Ferrater e, por suposto, Álvaro Siza. Dos arquitectos propios, a mostra sinala unha ampla representación que, desde Gallego Jorreto a Guadalupe Piñeira, inclúe a presenza dos nomes imprescindibles no presente da arquitectura en Galicia, Portela, Seara, Irisarri ou Penela. Con esta nómina, a mostra ofrece cinco liñas de lectura ao espectador: a interrelación co territorio, a cuestión da identidade, os usos, autoría e connotacións emocionais para os usuarios. «Avance dunha continxencia. Arquitectura contemporánea en Galicia».