Reportaxe
01 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.«Caruncho, ¿un nace ou se fai regueifeiro?», pregúntalle unha rapaza do IES de Salceda de Caselas ao coñecido regueifeiro Luís Caruncho. É parte da programación radiofónica da XIII edición de Ponte...nas Ondas, que este ano viaxou tamén a través de Internet. A asociación Ponte...nas Ondas tentou hai un ano acadar que o patrimonio inmaterial galaico-portugués fora un ben universal protexido pola Unesco. Aquela negativa non rebaixou o pulo desta asociación que, ano tras ano, tende unha ponte imaxinaria entre os colexios do sur de Galicia e o norte de Portugal para transmitirlle ás novas xeracións diversos aspectos da cultura común de galegos e portugueses. Este ano, a ponte aproveitouse das novas tecnoloxías para que tamén participasen colexios de Brasil, a Agrupación de Linguas e Culturas españolas de Nova York, e a asociación de Escolas da Rede Asociación Internacional de Radios Educativas de Colombia. En Galicia, os centros educativos participantes son das catro provincias, desde Ferrol a Verín, e de Friol a A Guarda. A xornada desenvolveuse onte, primeiro no auditorio da E.T.S. de Enxeñeiros de Telecomunicación, onde centos de rapaces de colexios e institutos da comarca foron os protagonistas do programa que contou tamén coa participación do artista Cándido Pazó, que exerceu como condutor, Luís Caruncho e Augusto Canario e a actuación do grupo Malvela. Despois, o programa volveu ás emisoras e institucións que promoven a iniciativa dende hai trece anos. A emisión comezou as 9.30 horas de onte, e tiña previsto rematar hoxe.