Rede.cat, unha plataforma cívica que aglutina a 17 asociacións, promove ?o Ciclo de Música folk en Cataluña, fuxindo dos circuítos tradicionais
10 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Hai uns seis meses vía a luz unha promesa: Rede.cat. Unha plataforma cívica aglutinadora de 17 entidades culturais nacidas en Cataluña, pero de raíz galega. Os seus obxectivos eran sumar esforzos para darlle visibilidade á cultura galega actual feita en Cataluña e tender pontes entre ambas culturas identitarias. Pódese dicir que esta iniciativa ten a súa orixe principalmente en dous feitos. Por unha banda, a falta de identificación das novas remesas de emigrantes galegos chegados á Cataluña coa cultura oficial dos centros galegos existentes. Así o confirma un dos principais activos de Rede.cat, Víctor Cabral: «A min pasoume, eu cheguei a finais dos noventa e durante catro ou cinco anos non estiven relacionado con nada que tivera que ver con Galicia». E por outra banda, a desgraza do Prestige foi transcendental para que toda a mocidade de orixe galega ou vinculada a Galicia se organizase por un ben común. As ligazóns creadas cristalizaron no que hoxe é Rede.cat. Durante todo este ano se viñeron desenvolvendo actividades que zumegaban aires galegos en terras catalás, pero é neste mes de maio cando a promesa se materializa con máis forza. A axenda cultural barcelonesa cheira a Atlántico. A principios de mes inaugurouse a exposición Eu tamén navegar de Anxo Baranga (Córgomo, 1956) no espazo La Xina Art. Cidadán barcelonés desde 1979, afirma que se formou como pintor catalán pero sempre pintou en galego. Baranga encarna o espírito co que naceu Rede.cat. Este artista, tamén debuxante de banda deseñada, dirixe o grupo de teatro Furafollas, outra das manifestacións da rica cultura galegocatalá. Son ao redor de 15 persoas que levan 11 anos facendo pezas teatrais nas linguas que maman os seus membros: o galego e o catalán. Sargadelos Ademais das presentacións de autores de orixe galega que a Galería Sargadelos ten previstas para este mes, como as de Afonso Becerra, Daniel Salgado ou Pura Salceda, o prato forte servirase nesta fin de semana do 11, 12 e 13 de maio. Rede.cat presenta o Primeiro Ciclo de Música de Galicia en Cataluña, denominado SonGaliza. Apoiado tanto polas institucións galegas como polas catalás que auguraron próximas edicións, SonGaliza quere amosar o mellor da música tradicional e folk galega ao pobo catalán. Así, o escenario dunha das salas do Palau de la Música Catalana acollerá a Noite das Mulleres con Mercedes Peón, Nordestin@s e Rosa Zaragoza e o espectáculo de Nova Galega de Danza. Berrogüeto e o grupo catalán invitado Dumbala Canalla encherán a praza do Rei. Paralelamente, para estes tres días están organizadas diferentes conferencias sobre a historia da música galega, talleres e unha exposición sobre instrumentos tradicionais de Galicia. Igualmente, compartirán escenario diversas aulas de música tradicional, tanto galegas como catalás. O director do Centro de Promoción da Cultura Popular e Tradicional Catalana, Ramón Fondevila, defendeu durante a rolda de prensa ofrecida o pasado día 7, que «a cultura necesita crear redes e complicidades» e, por iso, segundo dixo, «o proxecto de SonGaliza é o que interesa agora». Tanto el coma o seu homólogo galego, Luís Bará, comprometéronse a levar a cabo a mesma fórmula de festival proximamente en terras galegas.