O poeta, narrador e tradutor lugués explicou a un auditorio de alumnos de bacharelato como se escribe unha novela
04 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Ser escritor é un oficio coma outro calquera. Escribir historias non ten máis segredo que aprender o oficio. Así empezou Darío Xoán Cabana, no seu encontro no Museo Pedagóxico de Galicia con alumnos de bacharelato, a explicar como se escribe una novela. Os rapaces fóronse animando a facer preguntas, sobre todo unha rapaza, ás que o poeta, narrador e tradutor lugués, ademais de académico da RAG, foi dando cumprida resposta co seu falar demorado e próximo, lonxe de endiosamentos. O que de verdade lle gusta a Darío Xoán Cabana é a poesía, e recomendaría que fose de lectura obrigada no ensino «pero en voz alta e compartíndoa na clase de forma lúdica, divertida». Asegurou que é máis fácil escribir unha historia que un poema, porque a narrativa ten unha técnica que se aprende «lendo aos bos narradores clásicos e os contos populares». Só con iso «pódese ser un narrador competente». E para ter historias que contar «só hai que escoitar e soñar», porque, segundo dixo, todos fabulamos sobre nós mesmos cada día antes de durmir. A a diferenza, no seu caso, «é que eu agarro a historia, penso nela, doulle voltas e ás veces amplíase e resulta un relato ou unha novela». Ao fío das preguntas, o autor de Galván en Saor aclarou que non escribe teatro porque é un xénero para ser representado «e a calidade do teatro galego decaeu». Escribe para publicar, non para almacenar, e agora faino «cando non hai máis remedio por unha necesidade interior, porque non vivo diso» Tampouco é disciplinado, «escribo a saltos», e pensa que a orixinalidade «está desacreditada», porque hai que aprender doutros, «imitalos e ter referentes, para chegar a unha voz propia».