Dous investigadores recompilan tres mil adiviñas galegas ás que consideran un instrumento pedagóxico e un divertimento que aguza o enxeño e a memoria
02 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?úas frases en verso e un enigma. Así son as adiviñas que estimulaban o entendemento antes que Nintendo inventase un aparello de estimulación cerebral. José Luís Gárfer e Concha Fernández acaban de publicar o Adiviñanceiro popular galego (Edicións Xerais de Galicia), un libro que supón a primeira antoloxía e clasificación ampla desas preguntas que obrigan a asociar palabras e imaxes. Segundo os recompiladores, o inicio deste traballo de recuperación de cultura popular está nun costume da súa familia. Explican que «sempre xoga cos nosos fillos ás adiviñas, aínda non aprenderán a falar e xa lles encantaban». Levados da necesidade e do difícil que era contentar aos nenos cando pedían unha adiviña nova, decidiron anotalas ata decatarse de estar «xogando con verdadeiras xoias literarias». O libro recentemente editado inclúe unhas 3.000 adiviñas clasificadas segundo os seus argumentos, desde os animais ata as partes do corpo humano. Os dous investigadores, que xa levan traballado en outros adiviñanceiros, subliñan na introdución da obra o valor pedagóxico desta forma de literatura popular porque une «a función poética e lúdica da linguaxe». Tamén sinalan que favorece a memorización e «resulta unha auténtica ximnasia intelectual porque aguza o oído, desentumece o enxeño, aviva e xera a sensibilidade poética e produce curiosidade». Tanto para José Luís Gárfer como para Concha Fernández «se o chiste se rebela contra unha moral opresiva a adiviña se rebela contra a preguiza mental que nos invade a cotío». Semellanzas portuguesas Segundo os autores, o adiviñanceiro galego demostra moitas fontes comúns coa literatura oral portuguesa e da área lusófona pero sinalan que a cultura galega é un espazo ideal para as adiviñas e citan dous exemplos paradigmáticos segundo a súa opinión: o do turista que se achega a O Carballiño e que a pesar do topónimo de árbore pequena encontre unha vila grande e medrada. O segundo é o asunto da barca de pedra que a tradición di que trouxo a Santiago a Galicia. Para os recompiladores o nome de barca de pedra ten que ver cos barcos de minerais das factorías fenicias que operaban en Galicia. Este xeito de nomear as cousas propicia, para os autores, esa inclinación cara á adiviñanza. Hai máis apuntes na mesma dirección. A importancia desta forma literaria na cultura galega está demostrada, segundo ambos autores, polo «amplo número de variantes do termo» que as denomina: adivinilla, adeviñanza, adeviña, entre outros. Para os dous investigadores o cambio da transmisión oral da cultura en favor da escrita está deixando á adiviña nunha situación de perda porque o seu modo natural de funcionamento non está sendo operativo no presente. Xusto por isto o libro é para os seus responsables unha necesidade «urxente» para tentar fixar unha parte de cultura en desaparición e tamén para animar á sociedade a usar unha forma que ao tempo supón diversión e coñecemento. Esta utilización, segundo indican no libro, sería moi válida para «pais e profesores», pero cren que será especialmente útil para que os nenos pequenos e grandes «nunca se curen de facer preguntas».