A cantante participou no chat dos Encontros Dixitais de La Voz Aínda que lle quedan análises que facer, xa pensa en cantar nalgunhas galas de TVG
03 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Ana Kiro contactou onte cos lectores de lavozdegalicia.es nos Encontros Dixitais e con eles departiu sobre os seus 40 anos de carreira e tamén sobre a derradeira proba que está a pasar: a superación do cancro. Estas foron algunhas das preguntas feitas polos lectores. -Eu só quería saber como se atopaba de saúde e desexarlle o mellor, un abrazo e un bico moi forte. -A miña saúde está neste momento nun compás de espera; explícome, fixéronme unha analítica e deu que os medidores estaban un pouco mal, e por precaución teño que repetir a analítica. O martes que vén, día 10, teremos os resultados; se baixan os medidores estou perfecta, pero se seguen un pouco altos teranme que facer unha proba nuclear, para saber por qué. -¿Que colaboracións especiais tivo ao longo da súa carreira? -Se as colaboracións se refiren en discos, pois Juan Pardo, Gayoso, José Guardiola, Salomé, Fernando Marán, Sabela... -¿Cal é o perfil do seu público? ¿O de «Luar»? -Pois si. O público do Luar é o mesmo que viña as miñas romarías e que compra os meus discos, e o que me seguiu a través da TVG, nos meus programas de Toda unha vida, Tardes con Ana e Que boa tarde. -¿Con quen lle gustaría cantar que non o teña feito? -Con Marifé de Triana, con Manolo Escobar, con Sergio Dalma e moitos outros. -¿Cal é o seu cantante favorito? -Teño moitos, pero de quen teño máis discos é de Marifé de Triana. -¿Compartiu plató con Joaquín Prat como presentadora ou como cantante? -Como cantante, el presentaba Galas del sábado, no ano 68, con Laura Valenzuela e a min contratoume TVE para cantar durante dez Galas del sábado. -Moitos ánimos, Ana. ¿Que bota máis en falta: a música ou a televisión? -Nestes momentos só podo pensar en curarme. Se isto vai ben, posiblemente volverei á TVG con algún programa. -¿Gustaríalle volver a cantar? -Non do xeito que o facía antes... era máis nova e tiña máis folgos. De calquera maneira, vou seguir cantando na televisión de cando en vez. -¿Cal é a canción galega que máis lle gusta? -Unha noite na eira do trigo.