Os editores apostan por consolidar no 2007 o auxe das traducións

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

As versións en galego continúan paseniño o vieiro da normalización da súa presenza O éxito de «Brooklyn Follies» de Paul Auster marcou un punto de inflexión

11 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Concluído o 2006, o lector galego pode ler na súa lingua as últimas obras de autores como Martin Amis, Peter Handke, Paul Auster, Michel Houellebecq ou Julian Barnes, entre outros, así como títulos dos catálogos de Alessandro Baricco, Sándor Márai e Bohumil Hrabal, por citar tres escritores de diferentes linguas. Aínda que as traducións viñan aparecendo con certa regularidade -especialmente no ámbito dos clásicos e da literatura infantil e xuvenil- o 2006 deixou unha aposta decidida pola incorporación de textos doutras linguas ao galego, unha liña que se consolidará este ano. Varios factores indican nesa dirección. En primeiro lugar, a boa aceptación dos lectores. Galaxia leva vendidos 4.000 exemplares de Brooklyn Follies , de Paul Auster, unha boa cifra para os números das editoriais galegas. Rinoceronte, o selo de nova creación especializado en traducións, imprimiu dúas tiraxes de 1.000 libros de Seda , de Alessandro Baricco, o título que mellor funcionou xunto con O bosque dos raposos aforcados , de Arto Paasilinna. O responsable de Rinoceronte, Moisés Barcia, cre que funcionan ben as recomendacións persoais entre lectores e que busca fornecerse dun fondo de obras que «funcionen ben na longa distancia». «Paciencia e constancia» son dúas virtudes que invoca Barcia para sustentar o seu traballo. A primeira dende o xaponés A creación de Rinoceronte tamén propiciou un xiro no eido das traducións: por primeira vez hai a disposición do público galego versións literarias na súa lingua verquidas directamente dende o finés, o húngaro ou o islandés. Un vieiro polo que tamén transitará este ano, coa primeira tradución do xaponés ao galego: A casa das belas adormentadas , de Kawabata. Outras novidades serán libros de John Berger, Sandra Cisneros e Ousmane Sembène, ademais de novas coleccións, de clásicos, de poesía e de traducións do galego a outras linguas. O director editorial de Galaxia, Carlos Lema, sinala o libro de Auster como un «punto de inflexión». Lema lembra que Galaxia viña publicando traducións de autores como Amélie Nothomb ou Tabucchi, pero que Brooklyn Follies marca un antes e un despois polo feito de que a versión en galego apareceu ao tempo que a castelá, un factor que Lema considera determinante. Xuntos e mais nada , da francesa Anna Gavalda tamén esgotou a edición e Auster recunca coa súa última achega, Viaxes no scriptorium ; Galaxia tamén ten previsto publicar o guión do filme que o norteamericano vén de rematar en Portugal, A vida interior de Martin Frost . Galaxia apostou forte polas traducións, como proban as súas novidades e as estratexias comerciais dos seus lanzamentos. A títulos recentes como Molloy (Samuel Beckett), Trópico de Cáncer (Henry Miller) e Oliver Twist (Charles Dickens), engadiranse obras de Ishiguro, Sebald, Toussaint e Schlink. No ámbito dos libros para rapaces tamén publicou recentemente Corto Maltés. A balada do mar salgado , de Hugo Pratt, versión novelada do álbum de banda deseñada. Lema contextualiza o esforzo da editorial: «Esta aposta non significa que publiquemos menos de autores galegos; é só que ampliamos o campo de Galaxia no eido das traducións, que ao final é beneficioso para todos, lectores e autores».