Antes, os artistas acoutaban un espazo e deixaban ao espectador diante do xogo das perspectivas. É un proceso de interpretación que tamén asume a memoria cando esquece ou cando recorda. Agora a mesma cuestión do espazo e a memoria preséntase máis complicada, non tanto porque o pasado fose máis sinxelo que o presente, senón porque somos máis conscientes de que a memoria, máis que un proceso arquivístico, é un proceso selectivo. Como afrontar esa tarefa de arquivo e memoria e, sobre todo, como contala, é un argumento central de Rexistros e hábitos , a mostra da Fundación Tàpies coproducida polo CGAC. Un argumento que desde a intención quere subliñar dúas acoutacións radicalmente constantes no pensamento occidental: espazo e tempo. En realidade son dúas dimensións especulativas e maleables que deixan un campo moi grande para a mobilidade. É tamén para a perspectiva. Porque, ao cabo, hai moitos tempos no mesmo espazo e moitos espazos habitados por tempos diferentes. É un xogo de palabras que permite esa manipulación da perspectiva ata diante do espectador como unha posibilidade de mirar ao mesmo punto desde diferentes direccións. Poñamos por caso, a memoria íntima e a memoria colectiva: síntese brutal de Xisco Mensua en corenta acuarelas sobre corenta anos de franquismo ou a revisión urbana en cómic de Francesc Ruiz. Serían dúas lindes para tempos diferentes. Pero tamén as alegorías de ocupación dos territorios de Yael Bartana e as fotografías de campos deportivos abandonados de Bleda e Rosa xogan entre estremas dun latifundio mal explotado e quizais non moi ben entendido. Xogan, como fai Erik Beltrán co seu enciclopédico periódico, a un asunto de vello e cambiante e aínda non moi ben asumido. O que sucede no espazo é o mesmo desde o principio do tempo. O que cambia é o xeito de entendelo e contalo. «Rexistros e hábitos».