?uizais había algo no teatro galego de finais dos setenta que se perdeu polo camiño da profesionalización. Menos acabado, máis frescura e menos televisión. O que o Centro Dramático Galego fai con Tarará-chis-pum! non é un exercicio de memoria. É, máis ben, distanciarse das liñas que rexeron a institución nos últimos anos. Esta é unha montaxe do CDG que non parece do CDG e mesmo as súas carencias non semellan ás que habitualmente exhibe o centro. A recuperada obra daquel grupo vigués que foi Artello ten algo que ver co baloncesto balcánico dos oitenta: xogar sen impostura, moverse con rapidez, e non pensar que o público está sobre as butacas para que lle expliquen un tratado sobre todas as trascendencias da vida. Ao cabo o teatro é un xogo e os actores da montaxe tamén botan. Este Tarará ten ritmo físico e algunhas inxenuidades que superan algo as imprescindibles para a fantasía. É unha obra divertida de ver máis que de escoitar e mellora nas partes corais e nos xogos colectivos do reparto. Incluso para os ollos adultos, acomodados a descubrir os trucos antes que a narración, a nova produción do CDG mantén a complicidade dos pallasos e consigue relativizar a seriedade de traballar nun teatro aínda que é posible que se encontrase máis cómoda nun circo. A montaxe aprétase un pouco contra o final e o desenlace queda un pouco escaso para tanta aventura anterior. A cuestión narrativa non é tan definitiva porque un conto é un conto e os contos, xa se sabe, acaban ben. É a resolución das aventuras da cativa a que verdadeiramente marca o atractivo da obra. O humor con que se comunica a peza é máis inxenuo que inocente, ten algúns achados curiosos e unha linguaxe que o coloca nese espazo tan buscado do público familiar. Nin se deixa ir na nostalxia ni fai épica da recuperación. Tampouco será menos curiosa a outra indicación que fai a montaxe. Se unha proposta que xa logo cumprirá trinta anos segue resultando fresca ou é que abandonamos algunhas posibilidades polo camiño, ou o tempo avanzou menos do necesario. Tarará-chis-pum!. Centro Dramático Galego. Teatro Caixanova. Vigo.