Un vello, só, sentado nun cuarto. Pouco é o que se sabe del, pero el mesmo tampouco está moi orientado sobre a súa identidade. Pero Paul Auster promete máis información sobre este home, o señor Blank. «Quen é? Que fai aquí?». Son as preguntas que se fan narrador e lector na primeira páxina de Viaxes no Scriptorium , a nova novela do autor norteamericano e que mañá publica Galaxia en traducción ao galego por Eva Almazán. Ademais da versión galega, o libro tamén aparece simultáneamente en castelán, catalán e éuscaro. «Cunha pouca de sorte, o tempo hánolo dicir a todos», avanza o escritor tamén dende a primeira páxina. O libro parte desa estraña descrición inicial para achegar luz ao misterio do señor Blank. As escasas pertenzas no cuarto -un leito, unha cadeira, escritorio con papel- tampouco ofrecen moitas pistas, igual que as esporádicas visitas que recibe. Na exposición do tema, como na formulación narrativa, Auster propón desta volta unha obra que lembra a algún dos seus primeiros libros, nos que os personaxes viven superados por unha circunstancia da que só albiscan un pequeno anaco. Admirador de Beckett, Auster toma un certo ton claustrofóbico para construír unha historia que non deixa de ser unha reflexión sobre a literatura, o proceso da escrita e o papel do escritor. Aos lectores habituais de Auster, algúns dos nomes dos personaxes que aparecen en Viaxes no Scriptorium lles resultarán familiares e o mesmo Auster ten descrito en varias entrevistas o seu espazo de traballo: a xanela que dá a unha escura calella neoiorquina aseméllase moito á alta fiestra do señor Blank.